Jordan: “A eles vailles a vida, pero a nós tamén”

David Castiñeiras, xerente de Castyromer; Jordan e Ramón Castro, director das Relacións Institucionais da SD Compostela; na sede del taller no Polígono do Tambre.

  • O mediocentro de Salvaterra destaca que ter o playoff a un paso debe ser un aliciente para o equipo e que darán todo para conseguilo

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022

A SD Compostela xógase este sábado no Novo Ganzábal manter as súas aspiracións de meterse no playoff de ascenso. Tras romper a dinámica negativa o domingo pasado, os nosos só pensan no duelo en terras asturianas para volver sumar de tres e tentar coarse na fase de ascenso de Alacante.

Na previa, Jordan, que contra o Arousa non puido xogar por unhas molestias físicas, analizou o duelo na sede de Castyromer, patrocinador do xogador e da visita ao Langreo. O mediocentro de Salvaterra asegura que o equipo o dará todo para meterse nos postos nobres da clasificación.

Rolda de prensa de Jordan.

Vitoria contra o Arousa. Despois de dous meses, foi unha vitoria máis que esperada. Estabamos ansiosos, con moitísimas ganas e ao final puidemos conseguir os tres puntos, vitais para a recta final do campionato.

Xogadas polémicas. En directo, o penalti puido ser dubidoso, pero o gol deles, para o meu gusto, foi falta, polo que, unha por outra, seguiriamos gañando. A pesar diso, conseguimos os tres puntos, que era o único que queriamos, fixemos os nosos deberes e xa non pensamos no domingo pasado, senón no encontro do sábado.

Facer os deberes. Estamos fóra do playoff, pero temos un calendario alcanzable, o que non quere dicir que os rivais sexan mellores ou peores, de feito, os tres están abaixo e nesta segunda volta os equipos de descenso demostraron que lle poden gañar a calquera. Non serán partidos fáciles, é máis, serán moi complicados e o primeiro que vén é o Langreo que en Pontevedra, con cinco ou dez minutos máis, poderían empatar, porque puxeron en apuros ao líder. Temos que pensar no noso, confiar en nós mesmos, en lograr o 9 de 9 e con dous rivais a tiro, o Bergantiños e o Palencia, tócanos facer os deberes e que teñamos a sorte de que fallen.

Dinámica do 2022. Para min, a dinámica foi máis un tema mental que outra cousa. Houbo partidos nos que merecemos gañar, nos que nos empataron tras poñernos por diante varias veces e era algo mental, que non eramos quen de aguantar os resultados como na primeira volta. Son circunstancias que se dan no fútbol e non hai que darlle moitas voltas tampouco, seguir adiante, estamos nunha posición boa, a pesar do 2022, e todo pasa por algo.

Novo Ganzábal. Xogaremos nun campo sintético, duro, será un partido complicado, pero xa xogamos noutros campos desta superficie e o que hai que facer é coller o toque. Saber competir, que iso o tes que facer en todos lados. Imos facer un gran traballo alí, seguro, non dubido dos meus compañeiros e a traernos os tres puntos.

Xogarse o todo polo todo. A eles vailles a vida, pero a nós tamén. Agora mesmo non podes ver a clasificación, porque está todo tan comprimido que todos os equipos se xogan algo. Ambos temos que loitar, cada un para o seu.

Partidos fóra de casa. Non temos que ver se xogamos na casa ou fóra, o que debemos é mentalizarnos no rival que teñamos enfronte, buscar os seus puntos débiles e facernos fortes en ambas áreas, que é no que estamos fallamos nesta segunda volta.

Obxectivo marcado. Non pensamos noutra cousa que non sexa meternos en playoff. É o que queremos e oxalá podamos ir a Alacante, porque é o bonito da tempada, loitar por un obxectivo como o ascenso. Son partidos únicos nos que pode pasar de todo, pero primeiro toca centrarnos en meternos no playoff e logo xa veremos.

Un fracaso non meterse na fase de ascenso. Toda a tempada estivemos en postos de playoff, ata hai dúas semanas e estamos bastantes amolados de vernos agora fóra trala gran primeira volta que fixemos. Ter o obxectivo aí a min motívame e temos que loitar para conseguilo, porque é o que queremos.

Estado físico. A semana pasada tiven un problema físico, estivemos con dúbidas de se chegaba ao domingo, tentámolo, pero non dei. Hoxe tócame tarde co doutor e o fisio e valoraremos se chego ao sábado, porque teño moitas ganas de volver 100% canto antes.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado