Joel, xuventude e polivalencia para a zona central

  • O xogador, de 21 anos, pode actuar de medio ou central e firma por dúas tempadas procedente do Racing Club de Ferrol

Santiago de Compostela, a 12 de Agosto de 2020.

A SD Compostela 20/21 contará no seu regreso á Segunda División B coa xuventude e polivalencia de Joel López López (18/04/99). O xogador ferrolán, que pode actuar como mediocentro ou como central, firma por dúas tempadas procedente do Racing Club de Ferrol, onde militou as últimas dúas campañas, as súas primeiras como sénior.

Aos seus 21 anos, Joel destaca por ser un futbolista moi intenso, aguerrido e cun bo trato de balón para sacalo xogado, calidades moi valoradas pola dirección deportiva do club. Con este reforzo, que se adapta á perfección ao perfil que se estaba buscando, Yago Iglesias atopará máis alternativas na zona central do campo.

Os primeiros pasos da carreira deportiva deste canteirán do Real Club Deportivo da Coruña, conxunto no que chegou a adestrar co primeiro equipo, estiveron ligados ao Racing Club de Ferrol. Á súa cidade natal chegou cedido polo cadro coruñés, logrando o ascenso a Segunda División B no seu debut. Tras logralo, o curso pasado estivo presente no plantel departamental na división de bronce do fútbol nacional, malia que a súa participación foi menor.

No seu primeiro ano de sénior, Joel disputou 28 encontros, 18 como titular, sendo un xogador importante na consecución do título ligueiro e o posterior salto de categoría. A pesar da súa mocidade e da enorme competencia, fíxose un oco nos esquemas de Emilio Larraz, demostrando as súas calidades con grandes actuacións. Ademais, nese curso, anotou un gol.

Con todo, a pasada campaña, xa en Segunda B, a súa presenza quedou relegada a catro partidos, tres de liga e un de Copa do Rey. Neles, foi titular en dous, nas xornadas 23 e 24, coincidindo con dúas saídas consecutivas do equipo, nas que logrou unha vitoria.

Tras os seus inicios en Ferrol, Joel afronta agora unha nova etapa na súa vida futbolística. Por iso, chega á capital de Galicia con moita ilusión e con moitas gañas de seguir crecendo, tanto no plano persoal como no colectivo.

Coa súa incorporación, que supón a terceira fichaxe para o Compos de Segunda B, Yago Iglesias xa conta con catorce xogadores en nómina: Pato, Borja Rey, Sergio Pereira, Álvaro Casas, Soto, Joel, Samu, Baleato, Pablo Antas, Bicho, Josiño, Juampa, Gabri Palmás e Brais Abelenda.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado