Joel López: “Hai que collelo con ánimo para recuperarse canto antes e poder axudar ao equipo”

Joel, posando coa camiseta firmada por todos os seus compañeiros.
  • O mediocentro foi presentado esta mañá no campo anexo San Lázaro II
  • O plantel entregoulle unha camiseta asinada por todo o equipo

Santiago de Compostela, a 14 de Outubro de 2020.

Arroupado polos seus novos compañeiros, Joel López foi presentado esta mañá como novo xogador da SD Compostela no campo anexo San Lázaro II. O mediocentro branquiazul, unha vez operado da súa fractura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo, comezará hoxe a rehabilitación para restar días para a súa volta ao verde.

O acto estivo marcado por un momento moi especial, posto que o plantel compostelanista entregoulle unha camiseta da primeira equipación asinado por todos. Nela, os compañeiros de Joel deixáronlle mensaxes de ánimo e apoio para o longo período de recuperación que ten por diante.

Precisamente, e ante os medios de comunicación, o propio Joel destacaba a importancia de levar coa mellor moral estes momentos. “Esta non é a presentación que ninguén desexa, pero é o que me tocou vivir e hai que collelo con forza e con ánimo para poder recuperarse ben e canto antes”, comentou.

Sorprendido polo detalle dos seus compañeiros de equipo, Joel tamén encomiou o gran grupo que se atopou en Santiago, o cal “acolleume como a un máis desde o principio e tratáronme sempre moi ben”, polo que está “agradecido de formar parte del”.

Eles, xunto coa súa familia e amigos, son o seu principal apoio dende a lesión, axudándolle a manter o ánimo en todo momento, debido a que é a primeira vez que lle toca lidar cunha lesión de tanta gravidade.

“Desde que te lesionas estás uns días decaído, pero unha vez te operas chega o momento de pensar no día a día, en ir mellorando para volver ben e poder axudar ao equipo”, asegura.

Con esa mentalidade, mentres non poida saltar ao terreo de xogo, achegará desde fóra, devolvendo eses ánimos que recibiu a un plantel que ve preparado para o que ten por diante. “Sabemos que é un grupo complicado, pero partimos cun bloque feito e creo que nos primeiros partidos vai ser fundamental”, remarcou. E unha vez sexa posible a súa volta, “darei todo de min”.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado