Joel: “Estou xa ao 100% e desexando poder debutar”

De esquerda a dereita: Miguel Fernández, director de marketing; José Ramón e Geli, propietarios de Parrillada Chaves; e Joel; portando as camisetas e o cartel do partido co patrocinio do local.

  • Na previa do encontro ante o Bergantiños, Joel valorou o comezo de liga en Parrillada Chaves, o seu patrocinador oficial e do derbi do sábado

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

Esta tarde, as instalacións do Parrillada Chaves, en Luou, acolleron a rolda de prensa de Joel, previa ao encontro deste sábado, ás 18.00 horas, contra o Bergantiños. O defensor ferrolán, que aínda non puido debutar este ano, asegura estar recuperado completamente da súa lesión e con moitas gañas de poder estrearse co equipo para dalo todo.

Ademais, no acto, tamén se presentou o novo patrocinio do establecemento de hostalería de Teo, quen portará a súa imaxe no futbolista compostelanista. “Desexamos que colla confianza, que teña sorte e que cando colla a titularidade que non a solte. As lesións son complicadas por iso queremos desexarlle moita sorte e aquí terá unha cea asegurada se consegue marcar un gol”, sinalou José Ramón, propietario do Parrillada Chaves, quen apuntou que é importante apoiar ao equipo da comarca, á vez que animou aos seguidores do Compos a coñecer a súa especialidade, a carne á brasa.

Declaracións destacadas.

Recuperación. Estou recuperado ao 100% e desexando poder debutar. Foi un ano duro, pero despois de moitos meses conseguín meterme no grupo, ao final da tempada. Na pretempada comecei de novo con pequenas molestias, pero xa estou ao 100% e con ganas de disputar minutos.

Competitividade. Algúns xogadores levan anos xuntos e outros, como o meu caso, acabamos de chegar, polo que temos que pasar ese período de adaptación. Ademais, eu teño que coller o ritmo que teñen os meus compañeiros, porque é moi alto e, volvendo de lesión, costa, pero xa estou máis rodado e con gañas de debutar canto antes.

Dar todo de si. O que me toca é dar todo da miña parte para poñerlle as cousas o máis difícil posible ao adestrador e despois xa decidirá. Rodri díxome que estivese tranquilo, que estaba a traballar ben e que cando tivese a oportunidade estaba convencido de que a ía a aproveitar. El toma as decisións, é o que manda e nós traballamos nisto e temos que acatalas.

Sensacións do equipo. O equipo está ben, eu tamén e cando teña a oportunidade teño que aproveitala ao máximo. Entre a pandemia do covid e a lesión que tiven, ao final, son case dous anos sen un partido oficial e teño unhas gañas tolas.

Posición no campo. Son polivalente. Onde mellor me atopo é de mediocentro, pero aí hai moita competencia. En categorías inferiores xoguei de central e mesmo algún partido de lateral. O que se trata é de axudar ao equipo e achegar onde sexa.

Comezo de tempada. O ano pasado comezamos ben e fixemos unha gran tempada e este ano é unha liga máis longa, pero tamén conseguimos empezar ben e toca ir aos poucos.

Partido contra o Leganés. O equipo fixo unha primeira parte moi boa, pero o rival tamén xoga, sométeche e tivemos a mala sorte de que nos metese un gol nos últimos minutos cun menos. Toca seguir aprendendo e seguir traballando para sacar os tres puntos este sábado para facer bo o empate.

O Bergantiños. Do Bergantiños, o que coñezo, é que é un equipo moi físico, ten moi bos xogadores, hai varios compañeiros meus da canteira do Deportivo, pero xogamos na casa, temos que facer o noso fútbol e sacar os tres puntos. Puntuar é bo, pero na casa temos que levarnos sempre os tres puntos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado