Jimmy: “Cada partido pode xogar un equipo distinto e o nivel non varía”

Jimmy, Jesús García, xerente de Ulla Oil, e Miguel Fernández.

  • O lateral destaca a profundidade de plantel do Compos como clave para sumar os tres puntos este domingo

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

Nas instalacións de Ulla Oil, trala vitoria de onte, Jimmy analizou o triunfo logrado contra o Salamanca e a previa do novo duelo no fortín, este domingo, contra o Arenteiro. O lateral esquerdo destacou a profundidade do plantel do Compos para encarar con garantías tres partidos nunha semana. Por iso, coas boas sensacións que deixou o triunfo, os nosos queren máis nun derbi que estará patrocinado pola entidade de gasóleos.

Dirixidos por Jesús García, a firma de Puente Ulla segue un ano máis apoiando o proxecto compostelanista. “Tentamos colaborar en todo o que podemos e o Compos non podía ser menos, porque coñecemos xente que é da zona, na directiva, xogadores ou canteiráns. Por iso, axudamos na medida das nosas posibilidades”, sinalou o xerente.

Nesa aposta pola SD Compostela, este domingo patrocinan o duelo que mide aos nosos contra o conxunto do Carballiño, no que desexa que os tres puntos queden na casa. “O importante é que gañen. Para os que nos gusta o fútbol, o Compos está a facelo ben, dá gusto velos xogar e ten unha identidade. O domingo para nós é un orgullo patrocinar o partido e esperamos gañalo”, destacou.

Esa vinculación vai máis aló do ámbito profesional, xa que ten tamén un compoñente sentimental. “O Compos tráeme moitos recordos da infancia, moi bonitos. Despois de pasar unha etapa regular e algunha que outra fochanca, está a recuperarse a ilusión para facer cousas bonitas. Ascender este ano sería un paso importantísimo e creo que o están facendo suficientemente ben para que o logren”, comentou Jesús.

Declaracións destacadas de Jimmy.

Vitoria contra o Salamanca. Moi contentos pola vitoria e hai que seguir, porque este domingo hai outro partido, contra o Arenteiro, e hai que ir a polos tres puntos. A liga está moi apertada e hai que tentar conseguir os máximos puntos posibles.

Claves do partido. Vin ao equipo con moita efectividade. O que nos fai falta é meter goles nas nosas chegadas e fixémolo. As vitorias e os goles son o importante no fútbol e creo que estivemos moi ben nese aspecto contra o Salamanca. Era un rival moi necesitado e fixemos un bo partido, sacando un bo resultado.

Balance casa-fóra. Na casa aínda non perdemos, pero tamén temos que puntuar fóra, porque será o que decida se estamos arriba ou non.

Recuperarse en tan pouco tempo. O bo que temos este ano é un plantel amplo. Hai cambios e iso vénnos moi ben, porque cada día pode xogar un equipo diferente e o nivel non varía moito.

Arenteiro. É un equipo que levamos anos enfrontándonos a eles, un equipo difícil, que está a loitar por saír de aí abaixo, pero que ten moi bos xogadores. Teño varios amigos alí e sempre nos teñen ganas.

Partido da primeira volta. Foi un partido difícil, porque o campo contrólano ben, sendo un equipo físico e o empate creo que foi xusto. Agora agardo que en San Lázaro saquemos os tres puntos e sigamos unha semana máis estando aí arriba.

Estado físico. Atópome mellor, aos poucos estou a entrar, porque entre lesións e demais, custa entrar. Espero que nesta recta final poida chegar ben e dar todo o que poida ao equipo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado