Jesús García: “Teño recordos imborrables como afeccionado do Compos”

Ulla Oil, unha empresa con moita historia na comarca de Santiago e que leva case unha década apoiando ao club, é o patrocinador do importantísimo partido contra o Numancia no Estadio dos Pajaritos, ademais do noso lateral Jimmy. Alabando a política deportiva do equipo, o seu xerente Jesús García Rendo desexa poder rematar a tempada “canto máis arriba mellor”.

Canto tempo levan dedicándose aos combustibles?

Levamos no sector toda a vida. A miña familia xa tiña un surtidoiro de estrada case dende a Guerra Civil e como sociedade levamos dende o ano 1993 con Ulla Oil distribuíndo todo tipo de gasóleos.

Dende cando patrocinan ao equipo?

Levamos colaborando có equipo case dende que empezou Antonio Quinteiro, hai sobre uns dez anos.

Que lles levou a facelo?

Non hai unha explicación única, aínda que, fundamentalmente, por dúas razóns: a nosa responsabilidade social corporativa e intereses comerciais. Pensamos que é unha forma interesante de asociar o noso nome co apoio a diferentes eventos locais e culturais. Hai anos mellores e peores, pero intentamos sempre dedicar unha parte dos nosos beneficios a devolvelo á cidade por medio destas colaboracións con entidades deportivas e culturais.

Que supón o ascenso de categoría para o seu patrocinio?

Como afeccionado é realmente importante. Non é o mesmo ver un partido comarcal que un desta categoría. Como empresario, a sensación non é a mesma, porque somos unha empresa xeograficamente moi limitada, polo que o feito de que a nosa imaxe apareza en Castela non significa tanto como no papel de afeccionado. Non somos unha empresa estatal, pero canto máis nivel teña o equipo, máis ilusión fai. É dicir, como afeccionado, canto máis arriba mellor; como empresario tamén, pero mírase de diferente maneira.

Cal é a súa relación co deporte en xeral e a SD Compostela en particular?

Teño recordos imborrables como afeccionado do Compos, xa que era socio cando estaba en Primeira División. Eu sempre fun unha persoa de deporte, máis relacionado co fútbol que con outros. Tamén fun directivo, aínda que de equipos máis modestos, e sei o sacrificio que significa sacar adiante un equipo, non só cartos, senón tamén moito tempo.

Un desexo para esta tempada.

Como moitos afeccionados, temos “un cristo” montado coas novas categorías, que non sabemos exactamente como vai quedar o tema, polo que o único desexo é que o Compos quede o máis arriba posible. Toda a tempada tivemos a ilusión de poder quedar nunha boa categoría, porque se xogou realmente ben. Canto máis arriba mellor para todos, porque este ano fíxose algo realmente impensable, competindo con equipos dos que se estaba a anos luz en presuposto, e iso ten un mérito tremendo. Penso que están a facelo tan ben porque teñen os obxectivos moi claros e unha política deportiva moi sensata, que está a dar os seus froitos. Seguro que nun futuro se poden fixar obxectivos máis ambiciosos.

Jimmy, xogador patrocinado por Ulla Oil, controlando un balón no partido contra o Numancia da primeira volta. Foto: Damián Avilés.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado