Inxusto castigo para o Compos contra o Navalcarnero

Roque, un dos máis incisivos no ataque buscando o regate ante Miki. Foto: Amadeo Rey.

  • Os branquiazuis volveron caer contra os madrileños, penalizados pola eficiencia nas áreas

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2022

Non puido ser. O Compos tivo innumerables ocasións para sacar algo positivo do Vero Boquete, pero a falta de acerto en ambas áreas impediu sumar algún punto ante o Navalcarnero. Os nosos volveron caer contra o conxunto madrileño, que se aproveitou dos goles de Mendes e Loren na primeira metade. Álvaro Casas recortou distancias, pero non houbo forma de que chegase outra diana.

A SD Compostela regresaba esta tarde ao fortín coa intención de trasladar as boas sensacións das últimas semanas nos ansiados tres puntos, despois de moitas semanas. Probou Rodri un once con Durán en punta e Antas de volta no medio e os branquiazuis, hoxe vestidos de negro pola falta de indumentaria do rival, saíron concienciados da súa misión.

Nos primeiros compases, os nosos conseguiron apoderarse do balón, achegándose á área visitante, pero serían os madrileños, no 8, os que, na súa primeira ocasión, marcaban o gol. Loren sacaba unha falta en tres cuartos, que el mesmo se encargaba de executar ao segundo pau, para o remate de cabeza de Mendes. A pelota pegaba no pau e íase ao fondo das mallas.

Reaccionando ao golpe, o Compos quería responder rápido e tería a súa opción nun centro de Rafa Mella ao que non chegaba Pablo Durán por moi pouco. Aínda así, os visitantes tamén o tentarían á contra, pero un Guille imperial limáballe a pelota a Beneit no man a man.

A partir de aí, chegarían os mellores minutos dos locais, no que o tanto estaría moi preto. Primeiro, Roque, de volea, enviábaa pegada ao pau e un despois, tras un roubo e asistencia de Jordan, Escudero quedaba no man a man contra Aitor, pero o seu lategazo coa esquerda detíñao o porteiro na liña.

Con todo, como o dito, a can fraco todo son pulgas, a seguir, no 30, chegaría o segundo gol do Naval. Beneit gañábaa na banda esquerda e servíaa para o remate de Fran Pérez, Pato detíñaa na liña, pero a sorte volvía sorrir ao atacante, xa que o esférico rebotaba nel e quedaba franco na liña para que a empuxase Loren.

Sen merecer tanto castigo, o Compos sabía que tería as súas opcións e así foi antes do intermedio. No 36, Jordan atopábase con outra man salvadora de Aitor, sacando o seu remate de cabeza. E no 43, tras unha gran acción de Roque, na que regateaba a dous defensores na área, Escudero, na área pequena, atopábase coa perna de Loren, evitando outra vez a súa diana. Así, chegábase ao descanso co inmerecido 0-2.

Á volta dos vestiarios, coas novidades de Josiño e Parapar na escuadra compostelanista, sería precisamente o coruñés o primeiro en avisar, nada máis arrincar, cun centro chut que saía rozando o poste.

A pesar de ter ao rival encerrado no seu campo, a presión, por momentos, afectaba aos nosos, que non eran quen de xerar oportunidades nas continuas xogadas de ataque, sobre todo mediante centros.

Tamén o tentaban os visitantes, á contra, cada vez que podían correr, especialmente cun Luís Lara que, primeiro, mandábaa cruzada en exceso e, despois, atopábase co corpo de Pato.

Con todo, tanto foi o cántaro á fonte, que ao final rompeu. Así, no 77, nun córner, o capitán, quen se non, marcaría o gol da esperanza, rematando de cabeza no primeiro pau o saque de Rafa Mella.

O tanto servía para avivar os ánimos, para recuperar as esperanzas e con iso foise o Compos a polo empate. Incisivo en ataque, tería a máis clara xa no desconto, cando Primo, cazando o esférico na área, remataba coa zurda, pero o seu potente disparo saía rozando o traveseiro.

Por iso, a vitoria quedaba para o conxunto madrileño, nun encontro no que os nosos non mereceron tan inxusto castigo. Con todo, así están as cousas. A próxima semana unha nova reválida contra o Avilés Industrial.

FICHA TÉCNICA:

1- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Roque, Álvaro Casas, Guille Torres (Salado, m.80), Jimmy (Primo, m.68); Pablo Antas, Roberto Baleato (Parapar, m.46), Jordan; Rafa Mella, Escudero e Pablo Durán (Josiño, m.46).

2- CDA NAVALCARNERO: Aitor; Loren, Uña, Frate, Miki, Expo; Busi, David (Luís Lara, m.46); Beneit, Fran (Álex Díaz, m.82) e Mendes (Ontiveros, m.82).

GOLES: 0-1: Mendes, min.8; 0-2: Loren, min.30; 1-2: Álvaro Casas, min.77.

Árbitro: Cueto Amigo (Castela e León). Amoestou a Roberto  Baleato, Roque, Álvaro Casas, Rafa Mella e Pato, polo Compos; e a Miki, Uña, Beneit e Ontiveros, polo Navalcarnero.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Partido da Xornada 29 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1.100 espectadores. Os nosos xogaron co segundo equipamento a consecuencia da falta de indumentaria visitante do rival.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado