Impoñer unha idea para derrocar ao Navalcarnero no Mariano González

Rodri acompañado de Luis e Iria Asorey, xerentes da Brasería A Grella.

  • A SD Compostela quere ser o primeiro equipo que consiga marcar e levar os tres puntos do feudo madrileño

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021.

Co obxectivo de recuperar a senda da vitoria, a SD Compostela viaxa a terras madrileñas para medirse, este domingo (16.30 horas), ao Navalcarnero. Tras empatar contra o líder, os nosos queren volver sumar de tres no Mariano González, sendo o primeiro equipo capaz de sacar o triunfo neste campo.

Rodri Veiga analizou esta mañá en rolda de prensa as claves para o complicado reto que terá enfronte o Compos, destacando a importancia de facer sentir incómodo a un ordenado equipo local.

Declaracións destacadas.

Parte médico. Despois de moitas semanas, temos o plantel completo. O único que nos queda é valorar o estado de Guille, que tivo problemas musculares a semana pasada, e de Jordan que, aínda que adestrou, temos que ver o seu estado físico para afrontar un partido deste nivel.

Realizar a convocatoria. A idea é facer unha convocatoria de 18. Temos o plantel practicamente dispoñible, volve Pablo, polo que a convocatoria, deixando a tres futbolistas fóra, será difícil, sobre todo vendo a xente que entrou estes días e o nivel que deron. Creo que a competencia é boa para todos, para elevar o nivel e o beneficiado será o grupo.

Sensacións do último empate. Máis que polo resultado, polas sensacións que deu o equipo, creo que fixemos momentos de xogo moi bos, que temos que seguir incrementándoos para ter máis regularidade, pero tamén somos autocríticos para ver cousas que non facemos ben e tentar mellorar. Independentemente do resultado, que nesta categoría é importante, quedo coas sensacións do grupo e miñas e creo que foron boas. Tendo en conta o rival que tiñamos enfronte e o que fixo o equipo, creo que mereciamos máis. O resultado foi de empate, o cal non queriamos que fose así, por iso temos que seguir traballando para mellorar certos aspectos, que creo que temos identificados, e a partir de aí seguir sumando.

O Navalcarnero como local. Polo que fomos analizando, vimos que alí non encaixaron goles, vinlles tres/catro partidos e paréceme un rival moi ordenado, coas ideas moi claras, tacticamente moi correctos e é un rival difícil da categoría.

Claves para gañar. Creo que en todos os partidos xeramos ocasións e oxalá volvamos recuperar a efectividade que tiñamos ao principio. O equipo creo que foi a máis, sobre todo con balón, creo que o xestiona mellor durante máis tempo, e temos que seguir, no momento de que recuperemos a bóla ou xeremos situacións de desequilibrio, ser verticais. A nosa idea vai por aí, porque é a identidade que estamos a buscar este ano e a partir de aí oxalá teñamos esa fortuna para traernos os tres puntos.

Potencialidades do rival. É un equipo moi ordenado, cun modelo de xogo similar ao noso, combinativo, que non ten problema en asumir riscos, sobre todo en zona de iniciación, e ir evolucionando. Creo que é un equipo que se ten que sentir incómodo, debemos tentar defender ben, ser agresivos defensivamente e, a partir de aí, ir coa nosa idea facernos co partido aos poucos. Estamos a priorizar o que facemos ben para tentar impoñernos aos rivais e oxalá así sexa.

Cambio de superficie. É unha circunstancia máis. Polo que puidemos ver, o terreo de xogo está en bo estado, creo que temos xogadores suficientes que se poden aclimatar a esa superficie e deseñaremos un plan de partido para tentar ser o mellor posibles como equipo e o máis eficaces, tamén.

Reencontrarse con David Uña. É un mozo que a nivel persoal deixou moi bo recordo. A nivel deportivo, tamén, pero como persoa era un 10. Será un partido especial, por volver velo, alégrome unha chea porque, ademais, analizando ao rival vin que está a facer unha tempada moi boa. Oxalá sexa así, esta semana non lle podemos desexar que leve a vitoria, pero a partir de aí oxalá teña moita sorte e lle vaia moi ben.

Pasar os empates a vitorias. Tanto empate non nos gusta, evidentemente. Somos autocríticos para saber o por que de tanto empate. Falámolo esta semana de portas cara dentro no vestiario e imos tentar poñer todos os medios posibles para tentar que se convertan en vitorias. Con todo, o máis importante é que a competencia subiu, a xente que entrou, como o caso de Matías, Samu, Saro ou Jimmy, fixérono moi ben e seguro que con iso estaremos máis preto de pasar eses empates a vitorias.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado