Humildade e moita confianza para afrontar a primeira viaxe

  • Rodri, trala melloría ante o Móstoles, indica que o seguinte paso para o equipo é saber cando ser verticais e cando descansar coa pelota

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021

A SD Compostela afronta este domingo o primeiro encontro fóra da comunidade. Toca viaxe longa ata Madrid para medirse ao filial do Leganés, un equipo duro e que manexa moitos rexistros. Con todo, os nosos irán con humildade e moita confianza para sacar os tres puntos das Instalacións Deportivas de Butarque.

Esta mañá Rodri falou na previa, destacando o plan a seguir para sumar unha nova vitoria na tempada. Ademais, sinalou que, trala melloría do outro día, o seguinte paso para o equipo ten que ser ler os momentos de partido, para ser verticais ou gardar máis a pelota.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. En principio están todos ben. Guille e Parapar levan uns días adestrando connosco con normalidade, polo que en principio estarán todos menos Jimmy.

Competitividade. O nivel era moi alto, pero a imaxe que puidemos dar o domingo pasado aumentou a competitividade, porque os xogadores ven o que se lles pide e unha das partes é que sexan agresivos, tanto defensiva como ofensivamente. Creo que o triunfo nos vai a repercutir para ben.

Seguinte punto a mellorar. O outro día creo que soubemos ser verticais e agora gustaríame que o equipo fose capaz de saber cando selo e cando non. Por exemplo, o outro día, na segunda parte, o rival métete atrás, sobre todo con fútbol directo, ao principio, e hai que ser conscientes de que perdemos o balón por momentos. Por iso, cando recolles eses segundos balóns hai que saber cando tes que correr e cando é preferible para o equipo facer un ataque longo. Seguimos traballando, en función dos comportamentos do rival e, sobre todo, de onde sexamos capaces de roubar, porque o equipo ten que facer unhas cousas ou outras, pero tamén temos que saber cando correr e cando facer unha posesión longa para descansar co balón.

Verticalidade do equipo. Somos un equipo que unha das súas potencialidades é a verticalidade por fóra, pero en determinados momentos temos que descansar. Aguantar os noventa ao ritmo que lle metemos os primeiros trinta minutos o outro día é moi difícil, non o fai ninguén. Neses momentos, si que son minutos para ter máis o balón e buscar desequilibrios doutra maneira, sobre todo con circulación rápida, e cando recuperemos ese aire e esas forzas, volver a ser verticais.

O máis positivo do último encontro. Gustoume a agresividade. Creo que demos un paso adiante na presión, fomos valentes a recuperar arriba e cando o fixemos sabiamos o que tiñamos que facer. Ese esforzo é moi loable porque é complicado, sobre todo cando o fas tres veces e non che chega a pelota. Creo que o equipo cre niso, facémolo ben e temos que seguir explotándoa. Non estou en contra do xogo de posición, porque en determinados momentos temos que circular a pelota, pero gústame o fútbol vertical.

Pablo Durán. Para Pablo todo chegará. Ten 19 anos e conta cunha madurez innata para a idade que ten, pero ten que agardar o seu momento. Non quero poñer a un xogador por colgarme a medalla. Quero facer un futbolista que sexa capaz de manterse no tempo. Nin agora lle quero dar todo nin quitarllo, el estao gañando e seguramente se está merecendo máis do que lle podo dar neste momento. Téñoo falado con el, quero ser cauto e despois tamén nos está achegando moito dende o banco, pero non quero convertelo só no revulsivo, porque creo que ten moitas outras calidades, pero hai que ir con cautela.

Leganés B. A día de hoxe paréceme o rival máis complicado ao que nos enfrontamos. É un equipo novo, con moita capacidade física, pero que manexa os dous rexistros, cando ten a pelota sábeo facer ben pero cando ten que xogar directo e correr tamén. Temos que saír dende o minuto un coas pilas postas porque senón vannos a pintar a cara. Os mozos sábeno, estamos preparados para afrontar o encontro, sabendo que nos atoparemos un rival que nos meterá en apertos. Nós tamén temos as nosas armas, polo que iremos con humildade, pero con confianza de que podemos facer cousas.

Competir sempre. Temos que tentar sobrepoñernos a todo e o que lle pedín dende o día un aos mozos é que cada partido que saiamos o importante é competir. Se competimos como podemos e sabemos facer, estaremos máis preto de gañar. Se o facemos e por desgraza perdes, hai que levantar a cabeza e seguir traballando. Por iso, hai que seguir a forma na que estamos a traballar cada día, ter a cabeza alta e ir a por todas.

Posibles cambios. Visualizo partidos e en función diso tento poñer aos que creo que son máis convenientes. Sempre digo que todos son titulares, porque así mo están demostrando e matices pequenos farán que xoguen uns ou outros, pero igual de importante é o que xoga 90 minutos que o queda na bancada.

Un once. Unha idea téñoa porque a principio de semana estiven a visualizar ao rival e vaste facendo unha idea de que xogadores poden contrarrestar mellor ese fútbol.

Seguir a por todas. Tivemos unha pretempada atípica, os primeiros partidos sempre son complicados, porque o futbolista non está ao 100% e os sistemas de xogo tampouco están claros, hai estados de forma…a vitoria do outro día vénnos ben animicamente e o que nos queda é seguir. Isto acaba de comezar, non fixemos absolutamente nada e o partido deste domingo seguramente sexa o máis complicado dos que afrontamos ata a data.

Un liderado anecdótico. Por desgraza imos perder partidos. Oxalá sexa facendo as cousas ben, pero imos perder. O liderado é unha anécdota, temos que fixarnos no día a día, como facemos as cousas e despois os resultados hai cousas que non podes controlar, pero estaremos máis preto de gañar partidos se o facemos como queremos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado