Guille Torres: “Temos confianza plena nos nosos xogadores de ataque e estamos convencidos de que o gol chegará”

  • O central, tras o seu regreso ao once, aposta por ser o Compos recoñecible para superar este mércores ao Salamanca

Santiago de Compostela, a 18 de Xaneiro de 2021.

Este pasado sábado, no primeiro partido da segunda volta, Guille Torres realizou o seu debut coma titular no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro. Contento pola súa actuación persoal, o central considera que o equipo mereceu máis polas ocasións xeradas. Por iso, destaca que o gol acabará chegando, xa que teñen confianza plena no que fan e nos seus compañeiros de ataque. Ademais, para superar o próximo reto deste mércores, contra o Salamanca, a clave, apunta, pasa por ser o Compostela recoñecible de sempre.

Sensacións o sábado. Estiven moi cómodo. Despois dun longo tempo sen entrar no equipo e debutar na casa en Liga foi un privilexio. Despois do parón do Nadal e esa lesión de xeonllo, había moitas ganas de volver e iso notouse. E en liñas xerais, o equipo estivo moi ben e creo que merecemos máis.

Volta ao once. É complicado o feito de volver a entrar noventa minutos despois de tanto tempo, pero sempre manteño o ritmo e a intensidade nos adestramentos, e iso tamén axuda a chegar á fin de semana nas mellores condicións posibles para axudar ao equipo.

Situación persoal. Desde o primeiro día que cheguei o meu pensamento era facer cousas grandes co club e creo que comecei con bo pé. Isto é moi longo e cada un ten a súa oportunidade e creo que esta fin de semana souben, en certo xeito, aproveitar a miña. Polo menos, a nivel individual, estou contento co papel que tiven. Conto coa confianza de Yago e iso transmíteme moita confianza, polo que hai que saber esperar as oportunidades e aproveitalas.

O próximo rival. Sabiamos do Salamanca pola semana que iamos viaxar, sabemos como é como equipo e a nivel individual os xogadores que ten. Ademais, este domingo, cada un, puido ver o seu partido. Por iso, será un partido complicado, pola situación na que chegamos con tres partidos nunha semana, o desprazamento e o estado do campo. A partir de hoxe xa estamos centrados 100% no Salamanca para traballar máis aínda, se se pode, no que nos enfocamos hai semana e media.

Estado do Helmántico. O campo está como está e se o clima é o que é non se pode facer gran cousa. Vimos que unha gran parte estaba practicamente conxelada, polo que existe o risco de lesións tamén. Esperamos que o tempo aguante e a ver como se atopa dentro de 48 horas.

Semana longa. No meu caso, e supoño que no de todos, non importa o rival que estea enfronte. Cando es xogador, o único que queres é saltar ao campo e comerte o céspede, polo que segundo que xogador lle pode chamar máis xogar en Riazor, pero hai que pasar por todos os campos. Desde xa, pensamos en Salamanca, e a partir do xoves, xa veremos. É unha semana longa, seguimos sen perder, que ao final é o que importa, e quedan seis puntos en menos dunha semana, polo que estamos a pensar en levarnos os seis.

O gol chegará. Penso que o equipo nos adestramentos traballa de forma espectacular, pero na fin de semana temos esa falta de acerto, xeramos moito e non nos entra. Por iso, temos que seguir facéndoo, o gol acabará chegando e oxalá sexa pronto. Todo o mundo quere gañar e estou convencido de que tanto Primo, Brais, Juampa ou calquera xogador de ataque ten tantas gañas de meter gol, como o resto de que os metan, polo que temos confianza plena neles e o gol chegará, iso está clarísimo.

Manter o propio estilo. Cremos que é un equipo moi novo, con fichaxes do mercado de inverno que van influír, e o seu punto forte pode estar nas transicións, con xente rápida por fóra como Javi Navas, e nós temos que ser capaces de contrarrestalos. Pola nosa banda, sabemos ao que xogamos, estamos tranquilos e dá igual ao campo ao que vaiamos porque o noso plan vai ser ter o balón. O campo será un punto para ter en conta, pero non imos cambiar o estilo.

Motivación. Cada partido é un mundo e toca traballalo como todos por igual, coa mesma motivación, porque é un rival máis e estamos todos no mesmo barco. Por iso, traballamos con moita motivación e con humildade.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado