Guille Torres seguirá un ano máis na SD Compostela

  • O central renova o seu compromiso por unha tempada tras aceptar a proposta do club

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2021

Guille Torres seguirá na SD Compostela na Tempada 2021/22. O central catalán, que causou unha gran impresión no seu debut na capital galega, renova o seu compromiso por unha tempada máis, tras aceptar a proposta do club, polo que cumprirá a súa segunda campaña defendendo a elástica branquiazul.

Con ficha sub-23, Guille Torres demostrou o curso pasado a súa capacidade de liderado, a pesar da súa mocidade, no centro da zaga, así como unhas grandes calidades defensivas, tanto en lances aéreos como para cortar balóns ao espazo. Así mesmo, o central zurdo destacou tamén pola súa gran saída de balón, habilidade que encaixa na proposta de xogo dos nosos.

En total, disputou doce encontros na tempada, dez deles coma titular, para superar os oitocentos minutos de xogo na categoría.

Ademais das súas capacidades futbolísticas, Guille tamén foi partícipe do bo ambiente do vestiario, encaixando á perfección no grupo compostelanista. Do mesmo xeito, gañouse o agarimo da afección no seu primeiro ano en Santiago.

Por todo iso, a dirección deportiva da entidade apostou pola súa continuidade no proxecto branquiazul.

Coa firma da súa renovación, a SD Compostela 2021/22 conta xa con dezasete xogadores con contrato: Pato Guillén, Borja Rey, Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Joel, Guille Torres, Jimmy, Samu, Roberto Baleato, Pablo Antas, Fer Beltrán, Josiño, Rafa Mella, Juan Manuel Parapar, Pablo Durán e Primo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado