Guille Torres completa a defensa da SD Compostela

  • O central zurdo asina por unha campaña, despois de debutar en Segunda B co Don Benito

Santiago de Compostela, a 21 de Setembro de 2020.

Guillermo Torres Gómez (Barcelona, 27/09/99) é novo xogador da SD Compostela para a tempada 2020/21. O mozo central zurdo asina por unha tempada procedente do CD Don Benito, equipo co que debutou na Segunda División B. Coa súa contratación, o club completa a liña defensiva para este curso ilusionante.

Guille Torres, o seu nome futbolístico, é un xogador que ademais de pola súa mocidade, destaca tamén pola súa polivalencia, debido a que pode actuar tanto no eixo da zaga, como no lateral esquerdo. Ademais desta calidade, moi valorada polo corpo técnico branquiazul, trátase dun defensa moi completo e cunha gran capacidade para a saída de balón.

O novo futbolista compostelanista chega á capital galega despois de disputar a última tempada nas filas do CD Don Benito, conxunto co que debutou na división de bronce do fútbol nacional. No equipo estremeño, aos seus 20 anos, Guille disputou un total de sete encontros, catro deles partindo de inicio.

Anteriormente, no seu primeiro ano sénior, o central zurdo destacou no Cerdanyola FC, da Terceira División catalá, cos que xogou, na segunda metade do campionato, catorce encontros, dez deles como titular.

Nas categorías inferiores, Guille Torres comezou a despuntar no Damn, histórico conxunto catalán de fútbol base. O seu gran rendemento chamou a atención do Real Madrid, por quen fichou en categoría infantil. Tras un longo periplo polos diferentes chanzos da base madridista, xogou o seu último ano de xuvenil no División de Honra do RCD Espanyol.

Coa súa incorporación, Yago Iglesias poderá contar para a tempada de regreso á Segunda División B cun plantel de vinte e un xogadores: Pato, Borja Rey, Saro, Sergio Pereira, Álvaro Casas, Soto, Matías, Guille Torres, Jimmy, Joel, Samu, Baleato, Pablo Antas, Bicho, Josiño, Juampa, Hugo Sanmartín, Miki, Gabri Palmás, Brais Abelenda e Primo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado