Gran éxito do I Torneo de F-8 da Deputación da Coruña

  • O Deportivo proclamouse campión tras unha fin de semana con bancadas cheas e moito fútbol

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2022

O I Trofeo Fútbol-8 Deputación da Coruña finalizou onte e o balance non puido ser máis positivo. Máis de trescentos nenos e nenas de toda a provincia gozaron desta cita deportiva, organizada pola SD Compostela en colaboración co ente autonómico no Campo de As Cancelas cedido polo Concello de Santiago. Foi unha fin de semana cun ambientazo nas bancadas do campo municipal, cunha gran deportividade, moita diversión e un extraordinario nivel deportivo.

Precisamente, no que respecta á competición, o RC Deportivo da Coruña proclamouse campión, tras superar ao Atlético Coruña Montañeros na gran final. Ambos disputaron o partido decisivo tras superar en semifinais ao Xuventude Oroso e ao Victoria FC, respectivamente. Pola súa banda, na Fase de Consolación, o Santa Cruz proclamouse campión, vencendo na final ao Fisterra. O cadro da Costa da Morte tamén recibiu o premio ao xogo limpo.

A maiores, Iker Obeso, do Deportivo, foi elixido o mellor xogador do Torneo; e Martin Romero Garel, do Racing de Ferrol, como mellor porteiro. Ambos foron os máis destacados dunha competición na que participaron 336 nenos e nenas de 28 equipos da provincia.

Todos eles viñeron acompañados de familiares e amigos, polo que, entre o sábado e o domingo, polo campo de As Cancelas pasaron miles de persoas, gozando dos encontros, baixo un sol radiante.

Como fin de festa, na entrega de premios, participaron a deputada de Deportes, Cristina Capelán; a concelleira de Deportes do Concello de Santiago, Esther Pedrosa; os deputados Antonio Leira e Evaristo Ben; e o directivo da SD Compostela, Javier García.

Todo iso deixou un gran sabor de boca nesta primeira edición do torneo.

1º TORNEO ALEVIN F8

Compartir en Redes Sociales

Relacionado