Goleada histórica en Calabagueiros

Primo celebrando o seu hat trick no partido. Foto: Amadeo Rey.
  • O Compos rompeu o seu maleficio contra o Barco cun contundente triunfo por 0-5

Santiago de Compostela, a 2 de febreiro de 2020.

A SD Compostela segue de doce neste 2020. Os branquiazuis lograron un triunfo histórico en Calabagueiros, un campo maldito ata a data, goleando ao CD Barco por 0-5. Foi a cuarta vitoria consecutiva en Liga, segunda como visitantes, para manterse no máis alto da clasificación, aumentado ademais a diferenza co seu rival ata os dezasete puntos.

Na primeira metade, nun arreón de cinco minutos, o Compos puxo o duelo en vantaxe, grazas ao primeiro tanto da tarde de Primo, no 23, e o de Pablo Antas, desde os once metros. Na segunda, e tras outra gran saída, Hugo Sanmartín ampliou diferenzas, tamén desde o punto de penalti, e Primo puxo a sentenza. Para rematar a faena, Primo selou o seu hat trick no 86.

Presentábase a SD Compostela en Calabagueiros coa intención de cortar a súa xeira negativa nas súas visitas a Valdeorras. Medíanse terceiro contra primeiro, pero os nosos estaban confiados en que sacarían o duelo adiante. Para iso, Yago Iglesias sorprendeu de inicio dando entrada a Primo, que volvía despois de lesión, e a Bicho, que redebutaba como xogador branquiazul.

Precisamente, o mediapunta interviría na primeira acción de perigo aos tres minutos, unha xogada que serviría de antesala para todo o que viría despois. No 23, o Compos chegou a liña de fondo pola banda esquerda, puxo un centro que non conseguiu atrapar Oviedo e Primo, co seu instinto de cazagoles, aproveitou o agasallo para fusilar o esférico ao fondo da rede. Nin media hora necesitou o cántabro para mollar de novo na súa reaparición sobre o céspede.

E tal foi o subidón moral, que cinco máis tarde chegou o segundo. O punta branquiazul estivo de novo involucrado, xa que un taconazo seu foi cortado por un defensa local coa man. O árbitro non o dubidou e decretou o penalti, que foi executado á perfección por Pablo Antas. O mediocentro lucense marcou por segunda semana seguida, despois de non ser capaz de estrearse en toda a primeira volta, cun tiro centrado e arriba.

A pesar da vantaxe, non se relaxaron os compostelanistas. Así, antes do intermedio, rozaron o terceiro nun tiro cruzado de Hugo Sanmartín, que se marchou cerca do pau, e un último disparo de Antas que tras tocar nun rival envelenouse e foise por moi pouco.

Non ampliaron o marcador antes do descanso, pero si o fixeron nada máis saír del. Os branquiazuis volveron ao campo cunha marcha máis e nun visto e non visto sentenciaron o duelo. Primeiro, no 47, Hugo Sanmartín marcaría de novo desde o punto fatídico, ao enganar a Oviedo nunha pena máxima por outra man dentro da área.

E no 51, Primo ampliaría a súa conta ata o dobrete aproveitando unha xogada de tiraliñas. Pablo Antas conectou ao espazo para Bicho, o sadense puxo o centro de primeiras para Primo e o dianteiro, tras sentar ao central co control, xutou cruzado para facer imposible a parada do porteiro.

Con todo, non sería o último da tarde. Faltaba a guinda e esa chegou no 86. Logo dos cambios e tras baixarlle o ritmo ao encontro, o Compos sentenciaría por mediación do dianteiro de San Pantaleón. Esta vez foi Jimmy o que percutiu pola esquerda e puxo a asistencia para que Primo, desde o interior da área, selase o seu hat trick cun potente golpeo.

Coa rúbrica a un partido perfecto, o Compos celebrou unha vitoria de moito mérito, contra un rival directo polos postos de promoción de ascenso. Rompeu ademais o maleficio en Valdeorras e asinou o seu cuarto triunfo seguido en liga. Foi a mellor forma de empezar o mes, antes de enfrontarse, o vindeiro domingo, ao Bergantiños no Vero Boquete.

FICHA TÉCNICA:

0- CD Barco: Oviedo; Segura (Diego Tato, m.58), Javi, Omar, Oli; Caique, Rubén García; Paquito (Moreira, m.70), David Álvarez, Ivi Vales; e Juanito Bazo (Íñigo Pisón, m.58).

5- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Soto, Jimmy; Baleato, Pablo Antas (Samu, m.75); Miki (Gabri Palmás, m.72), Bicho (Josiño, m.63), Hugo Sanmartín; e Primo.

Goles: 0-1: Primo, min.23; 0-2: Pablo Antas (p.), min.28; 0-3: Hugo Sanmartín (p.), min.47; 0-4: Primo, min.51; 0-5: Primo, min.86.

Árbitro: Oreiro Hermida (A Coruña). Amoestou a Oli, Javi e Omar Navarro, polos locais; e a Bicho e Baleato, polo Compos.

Incidencias: Campo de Calabagueiros (O Barco de Valdeorras). Partido da vixésimo segunda xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado ante 600 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado