Goleada en Paiosaco antes do Tourmalet

23 de Setembro de 2018
Momento do golpeo de Álex Ares no terceiro da tarde. Foto: Amadeo Rey.
Momento do golpeo de Álex Ares no terceiro da tarde. Foto: Amadeo Rey.
  • Álvaro Casas, Santi e un dobrete de Álex Ares selaron o quinto triunfo dos nosos.

Santiago de Compostela, a 23 de Setembro de 2018.

A SD Compostela segue en refacho. Os nosos sumaron un novo triunfo, o quinto consecutivo, na difícil visita ao campo da Porta Santa para manter a imbatibilidade no inicio ligueiro. Goleada por 1-4 ante o Paiosaco para sumar xa quince puntos e manter o liderado en solitario.

Tras unha primeira metade moi disputada, Álvaro Casas, Santi e Álex Ares deixaron o partido encarrilado na segunda. Otero recortou diferenzas no 80, pero de novo Álex Ares selou a vitoria cun golazo de vaselina.

Do clima estival de Santiago chegou a SD Compostela ao inverno de Paiosaco. A choiva apareceu ás seis no campo da Porta Santa e isto provocou que o terreo de xogo se puxese máis rápido, o que favoreceu a un equipo branquiazul que buscou a portería rival a través de longas posesións.

Así, nun inicio valente, os nosos intimidarían cunha volea de Santi, que tocou Dani e foise ao traveseiro, e nun disparo de Sergio Pereira que pegou nun rival e saíu rozando o pau da portería local.

Pola súa banda, o Paiosaco, acazapado coa súa defensa de cinco, tentaba xerar o perigo a través de rápidas contras ou nos balóns que baixaban os seus dianteiros Jesús e Eloy. Precisamente, nunha combinación entre ambos, o primeiro atopou ao segundo só de marca e mesmo conseguiu marcar, pero o colexiado anulou o gol por fóra de xogo.

Co paso dos minutos, os locais fóronse asentando na súa idea e tiveron a súa opción tanto nun golpeo de Pablo que golpeou en Saro e saíu a córner, como nun rebumbio na área, tras un córner pechado ao primeiro pau, que despexou un defensa en última instancia.

Antes de chegar ao descanso, o  Compos tamén tivo a súa nun remate de cabeza de  Aythami a centro de Santi, pero o remate do canario marchouse por escasos centímetros.

Á volta dos vestiarios, a néboa disipouse, do mesmo xeito que o resultado lentes no marcador. Aos once minutos da continuación, e tras varios centros con perigo, acabou chegando o primeiro tanto visitante. Marcos Remeseiro lanzou o córner desde a esquerda, Piscu peiteouna no primeiro pau, Álvaro Casas controlou no segundo e fusilou o balón á rede, malia que entrou con suspense ao rebotar en Bilal na mesma liña.

A estrea como goleador do central branquiazul encheu de confianza aos branquiazuis que viron como a insistencia acabou por ter premio. A pesar diso, o Paiosaco tivo o empate no minuto 70. Otero gañou a disputa na frontal con Lorenzo, pero non foi capaz de rematar o rexeite ante a presenza dos centrais santiagueses.

Non marcou o Paiosaco e na seguinte xogada si o fixo o Compos. Santi, moi listo, gañou o balón ante o central, regateou ao último defensa e bateu a Dani, no man a man, coa súa perna esquerda para ampliar a vantaxe no luminoso. E sete máis tarde chegou a sentenza. Contra rápida na que Miki gañou o esférico para Brais Abelenda, o extremo entrou na área e asistiu para un Álex Ares que controlou e marcou a pracer.

Coa sentenza e a néboa que volveu aparecer, antes de pecharse o encontro aínda se viron outros dous tantos, un por cada lado. Primeiro recortou diferenzas o Paiosaco cun remate de cabeza de Otero no segundo pau, pero dous despois Álex Ares volveu poñer os tres de diferenza cunha obra de arte na que se repetiu a secuencia do terceiro gol.

Brais Abelenda entrou na área e púxoa ao segundo pau, lugar por onde entrou como unha frecha Álex Ares para encarar ao porteiro e superalo cunha sutil vaselina case sen ángulo.

Co segundo tanto da tarde do mediapunta de Pontedeume pechouse a vitoria santiaguesa, quinto triunfo da tempada para sumar xa 15 puntos. A difícil saída ao campo da Porta Santa saldouse da mellor maneira posible e coa imbatibilidade debaixo do brazo. A semana próxima iniciarase o Tourmalet coa visita a San Lázaro do Bergantiños.

FICHA TÉCNICA:

1- UD Paiosaco: Dani; Bilal, Ventola, Popi, Beto, Pablo; Javi, Eiroa (Josiño, m.76), Aythami (Juanma, m.74); Jesús (Otero, m.65) e Eloy.

4- SD Compostela: Lorenzo; Saro, Álvaro Casas, Piscu (David Uña, m.80), Sergio Pereira; Mon, Marcos Remeseiro (Ube, m.66); Álex Ares, Santi, Brais Abelenda; e Aythami (Miki, m.46).

Goles: 0-1: Álvaro Casas, min.56; 0-2: Santi, min.71; 0-3: Álex Ares, min.78; 1-3: Otero, min.84; 1-4: Álex Ares, min.86.

Árbitro: Casanova Cudeiro, colexio ourensán. Amoestou a Piscu polo Compos.

Incidencias: Partido da quinta xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no campo da Porta Santa ante 500 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

1 day ago

SD Compostela
⌚️ Abril comezará cun derbi para os nosos en terras viguesas ⚽️ X30🆚 CORUXO F.C. 🗓️ 07.04.24⏰ 12.00🏟️ O Vao#CoruxoCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Antón Permuy e Samu🗣️ O adestrador e capitán da SD Compostela analizaron o momento do equipo e o duelo ante o CD Guijuelo do domingo📸 Acompañounos Mónica Pereiro, da Clínica & akt, patrocinadora do encontro#ComposGuijuelo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
🤝 Roque e Escoruela tiveron a pasada semana un encontro con 220 alumnos do CPI Colexio Nosa Señora do Rosario de Arzúa🩵🤍 Na visita, enmarcada nas actividades de promoción do deporte do noso patrocinador Proxecto Touro - Cobre San Rafael, entregaron invitacións para o duelo contra o CD Guijuelo e tiveron unha entretida charla cos cativos#composguijuelo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
𝐏𝐀𝐑𝐓𝐄 𝐌É𝐃𝐈𝐂𝐎 👉 Euse foi operado onte da súa rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito💪 Moito ánimo, Euse! Volverás máis forte, estamos seguros! Un día menos para volver! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
Hoxe está de aniversario Juampa 🩵🤍🎂 Moitos parabéns! Oxalá que veña acompañado este domingo desa vitoria tan necesaria que todos estamos desexando! 🙌 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.