Gabri Palmás: “Se Yago me necesita, renderei ao máximo”

  • O extremo está a desexar regresar co equipo tras superar a covid-19 e agarda sacar os tres puntos este sábado nun partido moi bonito

Santiago de Compostela, a 3 de Marzo de 2021.

Unha vez superada a covid-19, Gabri Palmás reincorporarase esta tarde ao equipo. O extremo de Moaña regresa ao grupo e faio con moitísimas gañas de volver pisar o verde e tocar balón. Pese ao parón, xa puido saír a correr e atopouse ben, polo que está dispoñible para o que lle pida Yago nun derbi moi bonito no que os nosos só pensan en sacar a vitoria.

Estado físico. Atópome ben. Tiven o alta a semana pasada e mandáronme exercicios para correr. Non é o mesmo correr na rúa que adestrar en campo, pero de momento atópome ben, a ver hoxe.

Como se deu toda esta situación? Colleuno a miña nai no seu traballo. Empezouse a atopar mal e trala proba deu positivo, polo que xa non fun a adestrar. Ao día seguinte fíxena eu e tamén dei positivo. En canto a síntomas, doíanme os ósos e tiña cansazo.

Pódelle tocar a calquera. Isto pódelle tocar a calquera, pero cantas menos papeletas botes, menos probabilidades tes de que che toque. No caso da miña nai, tomaba moitas medidas cando ía á compra e saía, pero se che ten que tocar, tócache e máis como estabamos hai un mes.

Opcións de xogar. Cando me mandaron o traballo de saír a correr notábame ben, pero a ver como me atopo esta semana nos adestramentos. Con todo, penso que se Yago me necesita no transcurso do partido podo estar para render ao máximo.

Sumar os máximos puntos posibles. Agora mesmo estamos nunha situación moi boa, a falta de tres xornadas. Calquera a asinaría no club ao principio, a un paso da permanencia e poder soñar con algo máis, e outros non o están e a priori deberían. Co noso traballo e xogo déronse os resultados e agora toca, primeiro, conseguir a salvación e despois, se nos dá para máis, ben, pero senón facer os máximos puntos para, se logramos a salvación, loitar nesa segunda fase por entrar na Pro. E se nos dá para os tres primeiros postos xa sería unha pasada, pero estamos aí pelexando.

Obxectivo salvarse. O Celta B se nos gaña tamén dá un salto moi importante para entrar entre os tres primeiros, polo que eles xóganse iso, mentres que nós se gañamos dános para salvamos e poder optar a máis.

Importancia dos tres puntos. Se firmas algo nos outros derbis é o empate, pero no que temos que centrarnos é en gañar nós, porque se o fas xa lle sacas unha marxe ao resto. Primeiro xogamos nós e, dependendo do que saquemos, xa veremos o que nos beneficia. Iso si, se gañamos, calquera resultado beneficiaranos porque hai duelos directos.

Non pensar no resto. É indiferente xogar antes ou despois na xornada, só temos que pensar no noso partido. Sabemos que se gañamos metémoslle unha presión tremenda aos demais, pero non hai que pensar no resto. Se ganas, vas ver o resto dos partidos sen presión, polo que ese é o obxectivo.

Só centrarse neste partido. Se botas máis contas estás a equivocarte, porque ao final nunca saen, só temos que pensar neste partido, sacar o mellor resultado posible, porque se gañamos teriamos practicamente lograda a salvación.

Gabri Palmás conducindo o balón no partido contra o Deportivo. Foto: Amadeo Rey.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado