Fortaleza mental, confianza e acerto, claves para o partido en Avilés

  • Rodri ve ao equipo preparado para saír desta dinámica e para iso remarca a importancia da parcela defensiva

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022

A SD Compostela buscará este sábado santo, a partir das 16.30 horas, reverter a mala dinámica que lle está afectando durante as últimas semanas. Tras moitas xornadas sen coñecer a vitoria, os branquiazuis encaran as últimas cinco finais de liga coa misión de recuperar as sensacións. Con esta premisa, na cita contra o Real Avilés Industrial, a fortaleza mental, a confianza e o acerto serán claves para sumar os tres puntos.

Esta mañá, en rolda de prensa, Rodri destacou precisamente estes aspectos, así como a importancia do plano defensivo, coa misión de deixar a portería a cero para achegarse ao desexado triunfo.

Rolda de prensa de Rodri.

Estado do plantel. Temos as baixas de Samu, que segue co edema óseo; Matías, que segue co problema no xeonllo; e Casas, pola acumulación de tarxetas. Toca reinventarse. O grupo é moi homoxéneo polas características de xogadores, cada un ten o seu matiz e temos que tentar adaptalo ao rival e ao plan de partido para tentar acertar. Sacar de partida aos que son máis convenientes e acertar cos cambios.

Seguir traballando. Volves ver o partido repetido e quédaste coa impresión de que o equipo está ben plantado a maioría do tempo, xerou situacións claras no plano ofensivo para facer gol, pero por falta de acerto, por fortuna ou confianza non o facemos, mentres que o rival, con moi pouquiño, penalízate moito. Seguir traballando para tentar cambiar canto antes a dinámica, sobre todo o aspecto mental, porque seguimos sendo os mesmos que ao comezo, seguimos traballando dunha maneira moi similar e toca ser fortes mentalmente, revelándonos contra unha situación, con confianza e as ideas claras do que buscamos.

Deixar a portería a cero. Estamos a pensar no curto prazo. O primeiro que nos expomos é deixar a portería a cero, porque nos está penalizando moito, sobre todo no aspecto mental, porque as situacións no plano ofensivo, tarde ou cedo, van entrar. En cada partido xeramos seis ou oito ocasións moi claras, polo que mentres sigamos así preocúpame menos a parcela ofensiva que a defensiva. Gustaríame volver ser o equipo que durante unhas xornadas foi quen de deixar a portería a cero.

O Avilés. É un equipo que a principio de tempada estaba feito para estar arriba, con xogadores moi contrastados. En decembro asinaron a Morcillo, un central con moitísima experiencia que lles deu moito empaque. Por iso, paréceme un rival moi completo e perigoso, con moita calidade e que nos esixirá, pero temos que pensar en nós, ser nós mesmos, tendo os detalles do rival, pero centrándonos en volver facer as cousas ben, tanto no plano ofensivo como defensivo.

Seguir traballando. Cando as cousas van así, fas varias cousas mal. Ás veces adéstralo, pero non es quen. Un exemplo é o segundo gol do outro día, unha xogada na que temos sete xogadores dentro da área, situación á que na semana do Adarve lle dedicamos practicamente dous días de adestramento, co traballo de defensa de centros laterais e chegadas de segunda liña. Sete días despois encaixas un gol así, por non ser quen de cortar as traxectorias. Ante iso, toca seguir traballando, seguir preparando cousas, facéndollo ver aos futbolistas e cambiar cousas. Non é fácil no momento que fas algo liquidar o problema, pero o camiño ten que ser ese. O que queda é o traballo diario, seguir dándolle voltas á cabeza e a partir de aí tentar crecer.

Aspecto defensivo clave. Sabemos que o perfil do plantel é máis ofensivo que defensivo. Cando temos que defender en bloque baixo, sufrimos máis. Temos que estar hiperconcentrados porque non nos sae natural. Determinadas accións que no plano ofensivo che saen, pero no defensivo non. Estar na área e tomar a referencia dun contrario para que non remate cómodo, cortar unha carreira, cando hai que defender a zona ou ao rival, iso non nos sae natural polo perfil do plantel. Seguir traballando, a predisposición dos xogadores é moi boa en todos os aspectos e tentar canto antes deixar a portería a cero, porque a experiencia dime que ocasións estamos a ter en todos os partidos.

Fortaleza mental. Do Avilés destaco o talento individual, de medio campo para adiante ten xente con moita experiencia en categorías superiores e un talento individual que os levou a eses niveis. Temos que tentar volver xuntarnos, ser solidarios defensivamente, un equipo que cando perda a pelota sexa quen de xuntarse rápido e traballar. Despois, como en Adarve, ser quen durante 92 minutos ter un nivel defensivo moi alto. No ofensivo non teño ningunha dúbida do que é capaz de desenvolver o equipo, está máis que traballado no plano táctico. Agora é momento de pequenos detalles e de insistir, tendo a confianza e a fortaleza mental de que imos cambiar esta dinámica xa.

Confianza en todos. Álvaro é un futbolista moi importante, tanto polo que fai cada domingo no terreo de xogo como no vestiario. Esta fin de semana tocaranos xogar sen el, farao un compañeiro co apoio de todos e que está máis que preparado. Darlle a confianza a el e a todos os xogadores, porque facemos moitas cousas ben e a dinámica actual cambiará. Quedan cinco finais e son optimista, porque os vexo traballar todas as semanas. Seguramente hai cousas que facemos mal, pero quedo co vaso medio cheo de todo o que facemos ben. É limar pequenas cousas e ter ese chisco de fortuna ou acerto para poder sumar de tres en tres.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado