Fiz Rodríguez será o adestrador do Sigüeiro

Fiz, centro, acompañado de Antonio Liñares, presidente, e Chema Sainz, directivo, do Sigüeiro FC.

  • O técnico lucense foi o segundo de Rodri durante a pasada tempada
  • Coñece moi ben o club e aos xogadores que conformarán o plantel do filial

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

Fiz Rodríguez Carballo será o adestrador do Sigüeiro FC a próxima tempada 2022/23. O técnico da Pastoriza (Lugo), que actuaba como segundo de Rodri na pasada campaña, volve liderar un banco. Coñecedor da casa, dado a súa gran bagaxe no club, xa adestrou a varios dos xogadores que conformarán o plantel do filial.

Coa incorporación de Fiz, o Sigüeiro está liderado por un adestrador que coñece ben o proxecto do Compos, xa que foi escalando nos diferentes estamentos do club. Chegou no 2018 para adestrar na base, comezando no Xuvenil B. Á campaña seguinte, fíxose cargo do Zona Vella, filial branquiazul. Despois pasou a ser o analista do corpo técnico que comandaba Yago Iglesias. E, o curso pasado, formou parte do staff do primeiro equipo.

Así mesmo, no seu periplo na entidade, Fiz demostrou ser un home de club, unha persoa predisposta a axudar sempre no que fixese falta, uns valores que casan á perfección co proxecto compostelanista.

A maiores, Fiz conta con experiencia en bancos de Terceira División e da Preferente Norte, categoría na que competirá o filial. Estivo ligado ás categorías inferiores do Club Deportivo Lugo e dirixiu á SD Sarriana, UD Pastoricense e Ribadeo FC, conxunto co que debutou en Terceira e co que logrou uns meritorios sétimo e cuarto lugar nos seus dous cursos na Preferente Norte.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado