Fin de semana con presenza da SD Compostela Atletismo nas catro provincias

  • Xornadas de moito atletismo, con participación branquiazul por toda a comunidade

Santiago de Compostela, 10 de Maio de 2021

A fin de semana con maior actividade para a SD Compostela Atletismo do que vai de ano, deixounos a presenza dos atletas branquiazuis por toda a comunidade. En diferentes probas, e con moitos debuts, os nosos competiron e fixeron un gran papel nas catro provincias galegas.

Sábado

O sábado, na Pobra do Caramiñal, a SD Compostela Atletismo, debutou na modalidade de marcha, participando no Campionato de Galicia da especialidade en ruta. Nesta estrea, o club estivo representado por Diana Botana Barreiro e Ariana Iglesias Turnes, en categoría Sub-12, e por Rosalía Villaverde Bouza e Sara Pena Gómez, en Sub-14. As catro tiveron unha fantástica participación, adquirindo unha gran experiencia para vindeiras probas.

Neste senso, cabe destacar ao compromiso desinteresado adquirido pola responsable de marcha do noso club Mayka Jueguen Lago, a cal tamén sería da partida neste campionato. Grazas a ela, a SD Compostela Atletismo conta con atletas nunha nova disciplina.

Foi unha data de debuts, xa que na pista de Pontevedra, Sonia Villar estreouse na velocidade, cun magnífico rexistro de 35″ nos 200 metros, mentres que Iván Abeledo, José Sanda e Pedro Pazos viviron o seu primeiro contacto cos obstáculos con distintos resultados. O primeiro deles tivo que abandonar por molestias, o segundo acadou uns meritorios 11’25”, mentres que o terceiro atrevido finalizou cuns 12″47. Ademais, o propio Pedro Pazos, tamén debutou na velocidade, cuns incribles 29″33.

Pola súa banda, Juan Alvarellos, un habitual do tartán, regresou á senda das súas mellores marcas, rexistrando 13.13, nos 100 metros, e 26.71, nos 200. Nesta última distancia, Santi Dapena sería o máis veloz dos nosos con 25.76.

Xa pola tarde, mención especial para Yago Iglesias Turnes, quen para celebrar o seu 15 aniversario, mellorou novamente o seu rexistro nos 1000 metros, para deixalo nuns brillantes 2’52”. Nesa mesma distancia, debutaba Clara López, en categoría Sub-12, realizando unha fantástica carreira.

Domingo

Na xornada dominical, en Lugo, Nuria Mejuto debutou nos 1500 cunha marca de 6’15”; mentres que en Pontevedra tivemos de novo a Yago Iglesias pulverizando outra vez unha das súas mellores marcas, desta vez nos 600 metros, cunha mellora de catro segundos para deixala en 1’32”.

Nos máis cativos tamén vivimos o debut de Xoel Otero, nos 500 metros, participando na mesma serie que Martín Giao. Xunto a eles, participaron tamén na mesma distancia Clara López e Iria Giao.

Tamén na matinal, en Vigo, pese á baixa de última hora de Sara Pena, no martelo, contamos coa presenza de Diego Muñiz, nos 100 metros con 3’44”, e de Clara e Irene Leis, nos 60 metros.

Xa de tarde, nas pistas de Elviña, na Coruña, estivo Lucía Taboada, nos 500 metros, e Amador Pena, nos 400 metros con Mellor Marca Persoal e nos 800 metros.

Para redondear a presenza da SD Compostela Atletismo nas catro provincias, se ben Cielos Caderno foi baixa no Meeting de Ourense, si que contamos coa participación de Javier de Dios no Trail de Barbadás, acadando un meritorio top ten.

Clara López, Ariana Iglesias, Yago Iglesias e Iria Giao, en Pontevedra.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado