Filial e Cadete A estrean o ano de doce

  • Ambos equipos comezaron con vitorias o novo ano

Santiago de Compostela, a 7 de Xaneiro de 2020.

As vitorias do filial e do Cadete A foron das notas máis destacadas para as categorías inferiores da SD Compostela na estrea do 2020. Ambos conxuntos comezaron o ano con bo pé cuns triunfos que emularon o Infantil A e o Benxamín A, nunha xornada atípica, xa que se xogaron algúns dos partidos aprazados do día do temporal.

En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella sumou o seu segundo triunfo consecutivo, logo de tamén sumar de tres o pasado 31 de decembro, ao superar por 0-2 ao Berres. Nesta dura saída, os branquiazuis levaron a contenda con dúas tantos psicolóxicos, no 44, obra de Alberto Fernández, e no 89, de Antón Olveira. Con estes seis puntos, agora marchan asentados na quinta praza da clasificación.

Non tivo tanta sorte o Xuvenil A, quen se viu superado por 3-6 por un Ural B reforzado con xogadores do A. Os nosos comezaron moi fortes, pero os coruñeses remontaron nos minutos finais. Christian Fernández, Óscar Remuiñán e Manuel Rivas puxeron o 3-1 ao descanso neste duelo aprazado, pero a partir da hora de xogo, os visitantes déronlle a volta. Con todo, o equipo segue líder, con cinco puntos de vantaxe sobre o Calasanz. Á súa vez, o Xuvenil B tamén perdeu na casa, por 1-7, ante o Calo, coa única diana de Zubo Yang.

Repetindo rival, pero non resultado, o Cadete A volveu a coller sensacións neste novo ano, despois dun final do 2019 irregular. Os xogadores adestrados por Iván Carril superaron por 3-1 ao Ural B para seguir como terceiros da Liga Galega. Christian Fernández marcou un dobrete no primeiro acto e Iker Carril sentenciou na segunda para que os tres puntos quedasen na casa.

En infantís, o Infantil A comezou o ano con triunfo pola mínima ante o Conxo B, o cal lle permite escalar á terceira posición da táboa. O dobrete de Anxo Fuentes resultou decisivo no derbi compostelán. Por contra, o Infantil B caeu por 6-1 na súa visita ao EFM Boiro B, líder sólido da Segunda Autonómica. Sergio Varela marcou o tanto da honra para os branquiazuis.

En fútbol-8, o Alevín A perdeu por 2-0 contra o Victoria B, baixando postos na clasificación, mentres que o Alevín C tamén caeu por 0-6, no seu caso, ante o Villestro C. Si conseguiu os tres puntos o Benxamín A, logo de superar con claridade ao Victoria B, mentres que o Benxamín B non puido co Villestro B, líder destacado da súa liga.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado