Fer Beltrán: “Os resultados dan confianza para seguir mellorando e traballar con tranquilidade”

De esquerda a dereita: Miguel Fernández, director de marketing; Fer Beltrán, Marcos Sanmartín, xerente de LAU Creaciones; e Ramón director das Relacións Institucionais do club; portando as camisetas e os carteis do partido patrocinados por LAU.

  • O mediocentro foi presentado esta mañá no Estadio, onde analizou a previa do encontro contra o Móstoles
  • No acto estivo presente Marcos Sanmartín, de LAU Creaciones, patrocinador oficial do xogador e do partido deste domingo

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

Fer Beltrán realizou esta mañá as súas primeiras declaracións como xogador da SD Compostela, nunha presentación que serviu tamén de previa para o partido deste domingo (17.00 horas) no Vero Boquete contra o CD Móstoles. O novo mediocentro branquiazul mostrou as súas impresións destas primeiras xornadas, remarcando os puntos a mellorar e as notas positivas.

No acto, celebrado no propio estadio, Fer estivo acompañado de Marcos Sanmartín, xerente de LAU Creaciones, empresa que lle patrocina a el e o partido deste domingo. “Son dez anos xa, pero para nós é igual que o primeiro, segue sendo un orgullo apoiar ao Compos e, se cabe, máis responsabilidade co equipo e co club, despois da traxectoria e do que está demostrando en todo este tempo. Ademais, quixera agradecer a Fer, porque para nós é un orgullo que poida portar o logotipo de LAU Creaciones ás súas costas. Desexamos que reparta xogo, como o está facendo, e seguro que con iso logramos grandes éxitos”, subliñou.

A maiores, tamén quixo facer un recordatorio aos diferentes estamentos do club, incluída a canteira compostelanista. “Este é un ano de debut para Fer, para Miguel e tamén para Rodri, a quen coñezo dende hai moitos anos, xa que teñen un rol moi importante cada un na súa faceta, por iso desexarlles moita sorte. Tamén quero ter un recordo coas categorías base, porque aínda que agora estou rodeado de plotters, impresoras, instalacións e demais, a miña verdadeira formación está relacionada co deporte e tiven a sorte de ser preparador físico do xuvenil de División de Honra do Compos. Por iso, ter un recordo para todo o fútbol base do club e en particular para ese equipo, porque é unha categoría moi esixente e moi interesante”, remarcou.

Declaracións destacadas.

Sensacións destas primeiras semanas. As sensacións son boas. Está a empezar a liga, está claro que os equipos non estamos rodados e non estamos a facer o xogo que queremos, pero os resultados están a darse bastante ben e iso dá confianza para seguir mellorando e para traballar con tranquilidade. Seguro que co paso das semanas chegará un xogo mellor e seguirán os resultados.

Desexo de mellorar. Queremos seguir mellorando no xogo, queremos manter o bo estilo de xogo dos últimos anos do equipo, especialmente no Vero Boquete, e hai confianza, tranquilidade e moito traballo.

Puntos a ter en conta. Fáltanos quizais xogar un pouco máis combinativo, apertar mellor, que non estamos tan axustados, tamén porque somos moita xente nova e non tivemos moita sorte en pretempada en canto a lesións. Iso é o que nos queda, esas pequenas cousas que se van traballado entre semana e van saíndo, pero despois o domingo tes un rival que tamén fai ben as cousas, como o Palencia, e ponche as cousas difíciles. A nota positiva é que o equipo ten outras armas, que a pesar de non facer o xogo que queremos todos, estamos a sacar os puntos adiante e iso dános tranquilidade e marxe de mellora.

O Móstoles. Pódese ver que o Móstoles será un rival complicado. Por exemplo, foi alí o Pontevedra e apertoulle ata o minuto 94, no que lle marcou o 2-2. Ademais, os equipos de Madrid teñen moito potencial, porque teñen filiais e bastante xogadores pola zona.

Vitorias seguidas. Enganchar vitorias consecutivas no fútbol é complicado, e máis nesta categoría, na que hai moita igualdade, pero temos a confianza de que temos catro puntos, de que estamos a traballar duro para mellorar e se podemos enganchar os tres esta semana, mellor que non sexa na seguinte.

Saída do Racing. O Racing ten un proxecto ambicioso, quere chegar ao fútbol profesional e dende que cheguei estaban a tomarse decisións ano tras ano de cambio de moitos xogadores, traendo futbolistas de superior categoría, polo que sabía dende o minuto un que podía pasar. Non se deu por seguir alí e na chamada da SD Compostela transmitíronme a súa confianza en min, que querían que estivese aquí e dei o paso para tentar o ascenso.

Competencia no posto. No plantel hai xogadores cun nivel moi alto, hai moita competencia, sobre todo no meu posto, e ademais a semana antes de empezar tiven un toque nos isquios, o cal non é escusa porque a anterior fixéraa completa e o míster considerou que non estaba para empezar xogando. Outros compañeiros foron os que empezaron e estano facendo xenial, como é o caso de Josiño, Jordan, que meteu o outro día, Samu, que xogou un bo partido en Pontevedra, e Antas. Dende a tranquilidade, teño que tentar adaptarme aos compañeiros, que sexa canto antes, e cando o míster decida que teño que xogar, facelo nas mellores condicións.

O grupo. O grupo é unha familia, estiven xenial dende o principio, hai un bo ambiente incrible e iso no día a día faiche estar a gusto e render mellor. E en canto ao míster, é unha persoa próxima, que che di as cousas como son e se che ten que botar unha rifa, tamén, é como ten que ser.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado