Fer Beltrán, novo xogador da SD Compostela

  • O mediocentro do Saviñao, que xogou a pasada campaña no Racing de Ferrol, firma por dúas tempadas

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021.

Fernando Beltrán Losada (O Saviñao, 17/03/92), máis coñecido futbolisticamente como Fer Beltrán, é novo xogador da SD Compostela para a tempada 2021/22. O mediocentro lucense, que xogou a pasada campaña no Racing Club de Ferrol, firma por dous anos na capital galega.

Fer Beltrán destaca por ser un xogador moi completo, “un centrocampista con moito percorrido, calidade e con gran capacidade para chegar á área dende segunda liña”, apunta Manuel Castiñeiras, director deportivo do club. Ademais, conta cunha ampla experiencia en Segunda B, categoría na que disputou cinco tempadas completas, para un total de 126 encontros.

Do mesmo xeito, o novo xogador da SD Compostela conta cun amplo percorrido polo fútbol galego. Tras despuntar nas categorías inferiores do RC Deportivo da Coruña, chegando a debutar co Fabril sendo xuvenil, comezou a súa andaina en sénior xogando no Lalín de Terceira División. Posteriormente, disputaría dous cursos no Alondras CF e outros dous o CD Choco, antes de dar o salto á división de bronce do fútbol nacional, fichando polo Coruxo FC. No Vao xogaría dúas tempadas e media, asinando no mercado de inverno de 2019 polo Racing de Ferrol, club no que militou ata a data.

Nestes dous anos e medio no conxunto departamental, logrou o ascenso á Segunda B recentemente aterrado en Ferrol, disputando catorce partidos e anotando tres goles. Xa na nova categoría, no primeiro ano xogou vinte encontros e marcou outros tres tantos, mentres que nesta última campaña participou en dezaseis duelos de liga (todos eles na primeira fase, debido a unha lesión) e outro de Copa do Rey, celebrando catro dianas, unha delas, precisamente, no Vero Boquete de San Lázaro, no derbi que terminou con empate a uns.

Coa súa incorporación, Rodri Veiga dispón de quince xogadores con contrato para a nova tempada na Segunda RFEF: Pato Guillén, Borja Rey, Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Joel, Jimmy, Samu, Roberto Baleato, Pablo Antas, Fer Beltrán, Josiño, Rafa Mella, Juan Manuel Parapar e Primo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado