Fer Beltrán: “Estamos nun bo momento e o domingo queremos prolongar a nosa xeira de resultados”

Miguel Fernández, director de marketing; Marcos Sanmartín, director de Laucreaciones; Fer Beltrán e Ramón Castro, directivo da SD Compostela.

  • O mediocentro do Saviñao analizou o bo momento do equipo en Laucreaciones, o seu patrocinador oficial e do partido ante o Avilés

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

Nas instalacións de Laucreaciones, o seu patrocinador oficial e do partidazo ante o Real Avilés deste domingo, Fer Beltrán analizou o bo momento que atravesa o equipo. Tras un comezo no que os resultados non acompañaron todo o desexado, os nosos colleron velocidade nas últimas semanas, dentro do proceso de adaptación ao novo corpo técnico.

Ademais, neste arranque ligueiro, o mediocentro do Saviñao foi peza destacada do equipo, participando en todos os encontros que estivo dispoñible, o que demostra a confianza depositada nel.

Bo momento. Xa o din os resultados. Empezamos con dúbidas, o cal era normal, porque chegou moita xente nova e houbo un tempo de adaptación, pero agora, a verdade, estamos nun bo momento de resultados e xogo, o cal hai que tentar prolongar.

Vitoria contra o Arenteiro. Era un equipo que estaba invicto, chegar ao seu campo e levar a vitoria, animicamente, dáche forzas, pero sabemos tamén que foron tres puntos, non fixemos nada e temos que prolongar este domingo a xeira de resultados.

O Avilés. É un rival que por xogadores fixeron un bo equipo para tentar o ascenso e empezaron na nosa dinámica. Empezaron con dúbidas, veñen con bos resultados e chegarán aquí tentando gañar.

Baixas de Casas e Roque. Hoxe empezamos cos adestramentos en grupo, imaxino que o adestrador terá algo pensado, pero, en todo caso, nas últimas semanas todos estamos a adestrar moi ben e, entre quen entre, farao moi ben.

Nivel persoal. Atópome ben. Fisicamente non teño ningunha molestia, que o ano pasado si que me lastrou un pouco. E contento coa confianza que me está dando o míster. Seguir así, achegando día a día e buscar estar no once.

 

Apoio de Laucreaciones. O acto tivo lugar na nova sede de Laucreaciones no Polígono do Tambre, unha empresa que, unha tempada máis, segue á beira do proxecto compostelanista.

“Un ano máis seguimos apoiando ao equipo e xa perdín a conta. Non polo número de anos que levamos apoiando ao Compostela a ilusión baixa, senón todo o contrario, especialmente este ano, cos cambios que houbo na directiva e no banco. Moi ilusionados e moi comprometidos co equipo, como sempre. Ademais, non quero esquecerme do fútbol base, pola miña vinculación hai anos co xuvenil, e creo que é de obrigado cumprimento que as empresas apoiemos aos clubs, especialmente a un club como o Compos que coida a canteira e fai un labor social moi importante”, remarcou o seu xerente, Marcos Sanmartín.

Así mesmo, destacou tamén o bo momento que atravesa a súa empresa. “A nivel empresarial en Lau houbo cambios importantes, como é a nova sede no Tambre. Levamos aquí un ano e foi un salto cuantitativo moi importante, empezando porque antigamente compartiamos dúas naves contiguas, mentres que agora todo o equipo está xunto e as sinerxias e o traballo vese mellorado”, concluíu.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado