Facer un fortín do Vero Boquete

  • Rodri analizou a previa do partidazo contra o Real Avilés, destacando a importancia de gañar todo coma locais

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021

A SD Compostela regresa este sábado (17.00 horas) ao Vero Boquete para medirse ao Real Avilés Industrial e nel quere sacar os tres puntos. Os nosos buscan regresar á senda triunfal, diante do seu público, clave para manterse na parte alta da clasificación, e ante un gran rival, do que o separa un punto.

Rodri, na rolda de prensa previa ao partidazo, destacou precisamente esa importancia facer un fortín do estadio branquiazul, xa que, dada a igualdade da liga, sumar fóra faise moi complicado. Para iso, espera un Compos competitivo durante os noventa minutos.

Declaracións destacadas.

Parte médico. Recuperamos a todo o mundo, menos a Guille, que ten unha microrrotura muscular e estimamos que terá que estar parado un par de semanas. O outro que estaba en proceso de recuperación é Jordan, vai recuperando ritmo aos poucos e en base a estes últimos adestramentos valoraremos se está para entrar na convocatoria.

Primeira derrota. Sabiamos que tarde ou cedo ía chegar. O feito de que chegase na xornada doce di que facemos moitas cousas ben. O equipo está amolado, primeiro, pola derrota, e despois porque houbo outros partidos nos que quizais merecemos máis a derrota que no partido do outro día, pero cometemos un par de erros bastante importantes que fixeron que eles se puxesen por diante no marcador e despois non tivemos a pericia para poder igualar o partido, polo menos. O balance que fago destas doce xornadas é bo, porque o primeiro que temos que ser é humildes, saber de onde vimos e onde queremos chegar, o que somos e a humildade e o traballo diario é o que nos vai a levar a conseguir máis éxitos que fracasos.

Aspectos a corrixir. O que levo dicindo as últimas semanas: creo que facemos cousas moi ben, pero en determinados momentos non competimos todo o ben que a categoría demanda. Con competir non me refiro ao feito de ser agresivos ou dar patadas, senón á toma de decisións, a tomar a decisión máis acertada en cada momento. Iso vai un pouco tamén na madurez do futbolista, evidentemente, eu asumo a gran parte da culpa, por iso son a cabeza visible do grupo de traballo. A partir de aí, seguir traballando coa mesma confianza, coa mesma humildade que me demostran estes mozos todos os días, porque o traballo diario é o que che vai a levar a gañar partidos.

O Avilés. É un rival moi potente, evidentemente, feito para poder ascender, para pelexar pola primeira praza, pola categoría dos xogadores que ten, e despois é moi completo. Se ten que asumir riscos na saída de balón, asúmeos, se ten que xogar máis directo, faino. Conta con xente con moita experiencia en categorías superiores e vainos a esixir moito. Como pasou a semana pasada, son rivais que nos van a esixir un nivel de concentración altísimo en todo momento e ao final iso é competir. Canto antes sexamos quen de facer iso durante os noventa minutos, mellor para todos.

Potencialidades do rival. A experiencia. É un equipo que ten futbolistas que estiveron mesmo en Primeira División, como Cedric, varios con moitas tempadas en Segunda e a maioría que estivo en Segunda B. É un equipo veterano, que sabe en todo momento o que ten que facer e que, salvo o outro día, que o Pontevedra fíxolle moito dano, aínda que o achaco a ese partido parvo que todos temos na liga, e se descoseu un pouco, normalmente, ata o minuto noventa compite os partidos e os disputa moi ben. O que me preocupa é iso e a capacidade que teña o Compostela de poder competir durante eses noventa minutos.

Gañar contra un rival potente. Creo que o necesitamos. Gañar a un rival desa entidade vai dar un plus de confianza. En calquera caso, isto é unha carreira de fondo, nun punto estamos oito equipos, se somos quen de gañar ten mesmo máis valor, porque seguramente volveriamos estar segundos ou terceiros, oxalá sexa así. Pero o caso é estar aí, no grupo de cabeza a maior parte da tempada e chegar ás cinco, seis ou dez últimas xornadas en bo estado de forma, porque aí será onde te teñas que xogar todo. O importante é a visión no longo prazo e no curto prazo, o traballo diario.

Gañar na casa. Cando vas fóra é complicadísimo rascar puntos, como puidemos ver a semana pasada. Por iso, nós en casa temos que conseguir o mesmo. Salvo o día do Marino, conseguimos poñernos sempre por diante, pero en varios non fomos quen de manter esa renda. Esas circunstancias, ser quen de conseguir iso, é o que ao final che fará estar nos postos de arriba, a parte do bo xogo, que por momentos facémolo, e a competitividade.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado