Fabiano: “Xogando na casa temos que dominar, sexa contra o primeiro ou contra o último”

  • O Compos quere este domingo sumar a súa segunda vitoria, superando ao Langreo

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022

Do mesmo xeito que fai quince días, a SD Compostela quere volver sumar de tres na casa. Co apoio da afección, os nosos esperan regresar á senda triunfal, superando ao Langreo, no Vero Boquete. Será un duelo complicado, no que Fabiano agarda que o seu equipo domine e que, ademais, siga mellorando no xogo sen balón.

Parte médico. Allyson hoxe descansou, mañá adestrará e se non ten dor, xogará. Ten unha calcificación no nocello que vén de longo, tivo un golpe, pero infiltrouse e pode recuperar a dinámica de adestramentos. A maiores, Fer está expulsado, Mario lesionado e Parapar non adestrou en toda a semana, porque ten un problema no xeonllo, que xa tivo na pretempada pasada, que curou e que volveu, polo que pode ser que xogue ou non. Por último, Mario Constenla, tirando a portería, pisou a un compañeiro e dobrou o nocello, polo que entendo que non estará. Temos unhas cantas baixas, pero non imos chorar por elas, imos facer un equipo forte para loitar contra un equipo forte.

Situación de Pablo Antas. Pablo Antas o problema é el. Nalgúns movementos dóelle a perna, é un xogador moi importante, está a adestrar ben, pero non ao 100%. Teremos unha charla con el mañá para dicir se está ou non, pero véxoo difícil.

Valoración do empate. O bo é a reacción do equipo. Fai quince días na casa, ía perdendo, reaccionou ben e gañou. O outro día, outra vez por detrás, por un fallo sen balón, métennos gol, creamos moitas ocasións para xogar fóra e empatamos. Mentalmente estamos ben, xogando ben, pero competindo mal, porque os goles que nos meten son evitables, xa que no inicio das xogadas son momentos que se poden evitar e non o facemos. Temos que cambialo para ser un equipo máis competitivo. Espero que cada día sexa máis, porque estou bastante contento co que o equipo produce, pero bastante descontento cando non temos o balón. Seguimos traballando para melloralo, pero non chegamos ao que me gustaría.

Mandar nos partidos en casa. O Compos xogando na casa ten que mandar no partido, non teño dúbida, xogando contra o primeiro ou contra o último. Eles andan necesitados de puntos, darán a vida, será un partido complicado, pero espero ter un bo día e coa axuda da afección superar a un rival moi duro.

O Langreo. É un equipo que presiona arriba, que inicia desde atrás con combinacións e espero un equipo valente, pero tamén espero que o superemos. Non teñen puntos, pero xogan ben, tanto ofensiva como defensivamente, e gústanme.

Potencial no grupo. Está ben adestrado, propón bo xogo, presiona arriba e é un todo, non hai un xogador que marque a diferenza, senón un bloque. Están a ter mala sorte por goles parvos que lle levan á derrota, pero están ben adestrados e hai que temer ao seu conxunto.

Obrigatorio sumar os tres puntos. Non gañando fóra, obrigatoriamente tes que gañar, sabendo que será un rival moi necesitado, que dará a vida e difícil. Tes que demostrar porque estás no Compostela e a xente ten que saír de aquí cos tres puntos, contenta e que volvan dentro de quince días moitos máis afeccionados. Sabemos da responsabilidade, adestraremos a tope e sen confianzas, porque a confianza estraga o teu traballo.

O xogo sen balón, responsabilidade. Iso telo ou non o tes e eles cando non teñen o balón desconéctanse. Cando o teñen aparecen e dá gusto xogar, pero cando non o teñen vanse deixando, ata que o rival atopa un corredor para marcarnos gol ou crearnos perigo. Estou encima deles, pero é complicado, porque a maioría de xogadores teñen esa dinámica. Estou encima deles, melloramos, pero necesitamos mellorar moito máis para ter aspiracións. Cada partido é unha aprendizaxe e unha melloría para ser un equipo máis forte aínda.

Reforzos na canteira. Hai xogadores da canteira que me gustan e que aínda non tiveron minutos, pero ao longo do campionato vanos ter. O problema é que pola mañá non poden vir todos, polos estudos, pero o importante é que co que temos estou contento, mellorando esa desconexión do partido en momentos sen balón. Estou contento e espero que en pouco tempo o equipo sexa moito mellor que agora.

Obxectivos. Tendo un plantel curto e coas baixas, o obxectivo a curto prazo é recuperar esa xente para que o equipo funcione como quero. Buscaremos solucións para o que entre neses postos funcione ben, porque confío en todos eles.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado