Estrearse en 2022 en terras madrileñas

  • Rodri ansía competir ao mellor nivel para lograr a primeira vitoria do ano

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2022

A SD Compostela viaxa este domingo a Móstoles co obxectivo de lograr a primeira vitoria do 2022. Os branquiazuis mediranse ao mediodía contra os madrileños, nun duelo entre dous conxuntos da parte alta da clasificación. Con humildade e moito traballo, sabendo da dificultade de puntuar como visitantes, os nosos tentarán repetir o éxito da primeira volta.

Rodri valorou esta tarde as claves do encontro en El Soto, destacando a importancia de competir ao mellor nivel contra un rival que foi a máis co paso das xornadas.

Declaracións destacadas.

Baixas. Temos a dúbida de Pablo Antas, que segue en proceso de recuperación e despois, o típico, hai algunha molestia e traumatismo pola intensidade dos adestramentos, pero esperamos contar con todos os demais.

Posibilidades de Antas. Oxalá poida chegar, pero temos que avaliar co corpo médico e co propio xogador os riscos. En calquera caso, tentaremos facer unha convocatoria o máis equilibrada posible e en función da xente que estea dispoñible, pensando que contaremos con todos, decidiremos. Será unha decisión que tomaremos entre as tres partes.

O Móstoles. Está aí por méritos propios. Está a facer as cousas moi ben. É un equipo cun poderío físico importante, xente arriba con pegada e que na súa casa nos porá as cousas complicadísimas. Estamos a ver a dificultade de poder puntuar fóra da casa e será un partido duro, porque un dos seus puntos fortes é a capacidade física que teñen, como apertan, como van ás disputas, como están os 90 minutos ao mesmo ritmo, non baixan sexa cal sexa o resultado e será un rival moi complicado, máis no seu terreo de xogo.

Diferenzas do rival. As xornadas pasaron e o equipo está máis rodado. Fixeron unha serie de fichaxes, entendo que sendo ambiciosos porque queren loitar polo playoff, e iso faralles ser un equipo moi difícil. Por outra banda, será distinto ao Palencia, porque asumía moitos riscos na zona de iniciación, mentres que este equipo inicia máis directo, para a partir de aí coller o segundo balón. Teñen xente corpulenta arriba para deixar a pelota de cara e despois talentosa para coller ese segundo balón e xogalo. Temos un plan de partido, que pasa primeiro por competir ao noso mellor nivel e implementar unha serie de mobilidades e comportamentos para tentar gañar.

Conseguir a primeira vitoria do ano. As vitorias parece que reafirman o traballo. En todo caso, estou contento co partido que fixemos a semana pasada e así llo fixen saber aos mozos. Evidentemente, queriamos gañar. Expomos un partido para buscar ao contrario alto, tentando roubar e, sobre todo na primeira parte, tivemos ocasións para poder gañar. Esta semana o noso plan será o mesmo, de tentar ir gañar e veremos de que somos quen.

Vencer fóra da casa. Creo que os equipos se están facendo fortes na casa e o salto de puntuación vaicho a dar gañar fóra. Dicilo é moi sinxelo, facelo complicado. O outro día fixemos un partido moi serio e non fomos quen, así como outras veces. Temos moi claro que non podemos baixar a esixencia que nos poñemos nós mesmos. O listón está alto e temos que seguir así para polo menos ser un equipo difícil de gañar. Queremos gañar porque é o que che dará o salto de pelexar polos postos máis altos e temos fe niso. Con humildade e a base de traballo, daremos todo da nosa parte para tentar conseguilo.

Equipos de Madrid. O mercado de alí é máis amplo, porque hai canteiras moi importantes e é un escaparate moi bo, porque pode verte máis xente. Cando era xogador, falaba destas cousas e hai futbolistas que ven a opción de xogar alí pola visibilidade. Si que é certo que teñen acceso a certos futbolistas, pero tamén terán outras cousas que non lles favorecen. En calquera caso, é unha liga moi disputada, onde todos os planteis son moi similares. Salvo o caso do Pontevedra, que é doutro nivel, o resto estamos nun pelotón onde as diferenzas son escasas e o que estea máis fino en momentos puntuais leva o gato á auga.

Marcar de xogada. Non me preocupa, preocúpame máis como encaixamos os goles. Levamos dúas xornadas con moitas perdas en zona de inicio, balóns que seguramente son claros e prodúcense perdas, co equipo aberto, o que dá a posibilidade de que o rival transite e fagan dano. Creo que somos un equipo con futbolistas que teñen gol, imos seguir xerando cousas, teremos ocasións e os goles chegarán.

Loita polo playoff. Sei o que nos vai a custar meternos no playoff. Doulle moito valor ao que conseguimos ata o de agora, porque sei a dificultade que tivo. Aínda nos queda moito para meternos en playoff, polo que o único que penso é no domingo ás 12.00, en ir a Móstoles, facer un bo partido e tentar, se podemos, rascar os tres puntos.

Xogar ao mediodía. Persoalmente, non me gusta, pero pouco podemos facer. Tentamos adaptarnos o mellor posible ao horario, facer unha viaxe cómoda para que os futbolistas dean o seu mellor nivel e o maior rendemento a esa hora.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado