Estrea como visitantes nun partidazo

Celebración de Pablo Durán no seu segundo gol, o da vitoria.

  • Un dobrete de Pablo Durán permitiu o regreso á senda triunfal do Compos

Posada de Llanera, 23 de outubro de 2021

A SD Compostela volveu sumar de tres. Os branquiazuis, nun auténtico partidazo, superaron por 1-2 ao Llanera no Pepe Quimarán, nun duelo no que se adaptaron á perfección ao que requiría o encontro. Primeiro triunfo como visitantes da liga e unha vitoria que mantén aos nosos na parte alta.

Despois dun gran inicio, Pablo Durán, que estreou titularidade, abría o marcador cun gran remate de volea á saída dun saque de banda. Responderon os locais cun gol de Saha, tras un córner, pero a contenda caeu do lado compostelanista grazas a unha gran segunda metade e a un novo tanto de Pablo Durán, esta vez correndo ao espazo e definindo coa zurda.

Chegaba o Compos a terras asturianas coa misión de volver sumar de tres tras catro empates consecutivos. Para iso, tiña que superar ao Llanera nun Pepe Quimarán de dimensións reducidas. Con este propósito, Rodri armou un bloque sólido para facerse fortes nas disputas, ante o poderío aéreo local.

Comezaron ben os compostelanistas, ben asentados no campo e buscando as segundas accións para xerar perigo. Probouno Samu, nun córner directo que despexou de puños o porteiro e tamén Escudero, gañando o balón ao espazo, pero rematando fóra desde a frontal.

Froito dese bo asentamento, acabou chegando o merecido tanto para o Compos, no 31. Sacou de banda Roque desde o lateral e Pablo Durán, sen deixala caer, armou unha preciosa volea que acabou no fondo da rede.

O gol facía xustiza ao visto na primeira media hora, pero os locais tiraron de orgullo e buscaron reaccionar rapidamente con fútbol directo. Primeiro, Pato puido atrapar un remate de cabeza no segundo pau, pero o porteiro uruguaio xa non puido facer nada cando no 41, Saha, tras un primeiro toque de cabeza de Otia, remachaba de socato na área pequena.

Cun gol para cada banda, a contenda marchouse ao tempo de descanso co 1-1 no luminoso.

Á volta dos vestiarios, confiando na boa preparación semanal, o Compos volveu a por máis. Saíu máis metido e comezou a roldar con asiduidade a área rival.

No 48, Primo inaugurou o contador de ocasións gañando cun gran corpeo a posición ao central, pero o seu remate marchouse ao lateral da rede. A seguir, o que o tentou foi Pablo Durán, cun bo recurso en forma de vaselina, pero Miguel estirouse para sacala.

De novo o dianteiro cántabro, no 51, buscou a portería cun bo disparo cruzado, tras roubala, que se marchou rozando o poste. Pero a máis clara tivo lugar no 58, cun centro desde a dereita que un defensor peiteou cara á súa propia portería, pero o porteiro estirouse de marabilla para evitar o tanto branquiazul. O meta local callou unha gran actuación, volvendo demostrar os seus reflexos para evitar o gol de Escudero, no segundo pau, no 66.

Esta vez, tanto foi o cántaro á fonte, que ao final acabou rompendo, no 76, e o culpable foi, de novo, un gran Pablo Durán. Parapar gañou o salto de maneira espectacular a Saha, deixando en vantaxe ao atacante de Tomiño, que avanzou polo carril central, marchouse en velocidade do central e definiu coa zurda á cepa do poste, un auténtico golazo.

Con vantaxe no marcador, os nosos souberon durmir o encontro, taparon ben os ocos e mesmo tiveron algunha opción de marcar, sobre todo nas botas de Rafa Mella, quen no 85 se atopou co pé de Miguel, no seu intento de golpeo ao primeiro pau no man a man.

Os minutos consumíronse e, por fin, o Compos puido volver saborear a vitoria. Un triunfo moi merecido, despois dun partido enorme no que se adaptou á perfección ás condicións que requiría o campo. Con tres puntos máis, os nosos seguen na parte alta da táboa. A próxima semana tocará unha nova batalla contra a Gimnástica Segoviana.

FICHA TÉCNICA:

1- UD LLANERA: Miguel del Río; Crespo, Didi, Otia; Thompson (Celes, m.70), Vity (Mundaka, m.81), Pape, Matías (Javi Sánchez, m.70), Espinar (Martín, m.63); Saha e Romaric.

2- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Guille Torres, Matías; Pablo Antas; Parapar (Rafa Mella, m.76), Samu, Escudero (Joel, m.89), Pablo Durán (Salado, m.83); e Primo.

GOLES: 0-1: Pablo Durán, min.31; 1-1: Saha, min.41; 1-2: Pablo Durán, min.76.

Árbitro: Aranda Bujendo (Cantabria). Amoestou a Pape e Otia, polo Llanera; e a Pablo Durán, Guille Torres, Roque e Primo, polo Compos.

Incidencias: Estadio Pepe Quimarán (Posada de Llanera). Xornada 8 de liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 400 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado