Escudero, polivalencia e gol para o ataque compostelanista

  • O dianteiro chega procedente do Zamora e firma por unha tempada

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2021.

Rodrigo Escudero Vega (Simancas -Valladolid-, 31/03/1994) é novo xogador da SD Compostela para a Tempada 2021/22. O atacante chega á capital galega tras rescindir o seu contrato co Zamora CF, conxunto no que militou nos dous últimos anos, e firma por unha campaña.

Aos seus 27 anos, Escudero destaca pola súa velocidade, pola súa facilidade para desmarcarse ao espazo, o seu poderío no xogo aéreo e o seu gran olfacto goleador. Do mesmo xeito, posúe unha gran polivalencia para xogar nas posicións de ataque, xa que pode actuar de dianteiro, en ambas bandas ou mesmo de segundo punta. Estas calidades levaron á dirección deportiva do club a afrontar a súa fichaxe.

Co Zamora, o atacante valisoletano foi un dos xogadores máis utilizados por David Movilla. No seu primeiro curso, no que logrou o salto de categoría á Segunda División B, disputou vinte e dous encontros, anotando once goles, un deles no decisivo playoff exprés. Mentres tanto, nesta última campaña, na que o equipo pelexou polo ascenso a Segunda, participou en todas as xornadas de liga, excepto unha, no Playoff contra o Badaxoz e nas dúas eliminatorias de Copa do Rey. En total, xogou vinte e seis duelos e marcou tres tantos. Así, pechou a súa etapa en terras zamoranas con 46 partidos e catorce dianas.

Anteriormente, e tras rexistrar grandes cifras goleadoras na súa etapa de xuvenil, comezou a demostrar as súas calidades no equipo da súa localidade, o Villa de Simancas, no Grupo 8 da Terceira División, marcando dez goles. Grazas ás súas actuacións, ficharíao o Palencia, con quen lograría tamén un ascenso a Segunda B, marcando un tanto decisivo na última eliminatoria. Con eles, nos seus dous cursos, participou en setenta encontros (35 por tempada) e celebrou doce dianas. Trala súa estrea na división de bronce, regresaría a Terceira para xogar, durante outras dúas tempadas, no Arandina. A pesar de que se lle resistiu o ascenso, a nivel persoal, destacou cos seus vinte e un goles en sesenta e seis partidos.

Esta última experiencia abriulle as portas do Zamora CF, conxunto no que seguiu destacando con grandes actuacións. Agora, tras deixar atrás Castela e León, poderemos gozar do seu bo facer no Vero Boquete de San Lázaro.

Coa súa fichaxe, Rodri Veiga dispón de vinte xogadores para a tempada 2021/22: Pato Guillén, Borja Rey, Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Joel, Guille Torres, Jimmy, Samu, Roberto Baleato, Pablo Antas, Jordan, Fer Beltrán, Josiño, Rafa Mella, Juan Manuel Parapar, Antonio Salado, Pablo Durán, Escudero e Primo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado