Escudero: “No vestiario cremos nas posibilidades que hai, por pequenas que sexan”

Ana Cabanas, Miguel Calviño, Escudero e Ramón Castro no Restaurante San Jaime.

  • O atacante valisoletano apunta como clave para gañar a importancia de manexar os nervios e estar tranquilos porque será un partido longo
  • O Compos só se centra en facer os deberes, confiando en que os resultados noutros campos lles poidan favorecer

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

No Restaurante San Jaime, o seu patrocinador e da final deste domingo, Escudero analizou a previa do gran duelo no Helmántico contra o Salamanca. Os nosos necesitan a vitoria para ter algunha opción de clasificarse para o playoff, polo que non existe outro obxectivo que non sexa o triunfo en terras charras.

Acompañado dos propietarios do establecemento da Praza de Fonseca, un ano máis acompañando ao equipo, o atacante valisoletano destacou a importancia de manexar os nervios e ter a tranquilidade suficiente para decantar a balanza a favor.

Rolda de prensa de Escudero.

Crer ata o final. Non gañar, non entra nos nosos plans. Temos que manter a ilusión ata o último momento e facer o posible e imposible por gañar o partido.

Deixar atrás a segunda volta e só pensar no domingo. Acórdaste de moitos partidos nos que merecemos sumar máis, pero eses puntos xa non van volver e temos que centrarnos no partido do domingo, e a ver que pasa.

Confianza nas posibilidades. Se non crésemos marchariámonos para casa e acabariamos a tempada. No vestiario cremos nesa posibilidade, por pequena que sexa. Temos que facer os deberes, gañar o partido e, cando acabe, ver o que fixeron os demais.

Salamanca, unha praza complicada. É un equipo que recibiu moi poucos goles, xóganse entrar en promoción de descenso, con esa pequena posibilidade de salvarse e ademais é un sitio onde a xente aperta moito, polo que seguro que hai moito público e sinxelo non será.

Partido da primeira volta. Fixemos un bo partido, contra un rival que esperabamos máis complicado, porque encaixaban moi poucos goles. A partir de aí non fomos quen de encadear unha xeira boa, nin sequera de dúas vitorias seguidas, polo que temos que centrarnos no domingo.

Evolución do Salamanca. Cando xogamos contra eles, o adestrador, que o coñezo de Zamora, levaba dous partidos. Conseguiu enganchar de novo á afección e chegar vivo á última xornada, cando estaba practicamente morto cando o colleu. É un equipo moi difícil de gañar, de feito, leva unha boa xeira, polo que non ten nada que ver a súa dinámica de febreiro coa de agora.

Claves para o duelo. As claves pasarán por ter moita tranquilidade, porque é unha situación ansiosa para ambos e o partido será longo. Ademais, debemos estar serenos porque teremos enfronte un ambiente moi hostil.

Onde facerlle dano ao rival? Ofensivamente, ao longo da tempada meteron poucos goles. Quizais esa sexa unha das súas debilidades, polo que tendo en conta que un problema desta segunda volta para nós é que encaixamos moito, pódenos vir ben. En todo caso, considero que será un partido totalmente distinto ao da primeira volta. Será moi difícil meterlle catro goles e máis no seu estadio.

A segunda volta do Compos. Son dinámicas que se poden ver en todas as categorías. Equipos aos que non lle saen as cousas, méteste nesa dinámica negativa e é moi difícil revertelo. Aínda con todo, facendo unha segunda volta moi mala, estamos con posibilidades, co que hai que confiar no equipo e nas opcións que temos.

Xogar cos nervios. Os obxectivos son totalmente diferentes. Eses nervios para nós poden ser positivos, porque nos xogamos unha promoción de ascenso, que sempre é algo moi bonito. Porén, eles estanse xogando descender a unha categoría que, desde o meu punto de vista, é inaceptable para un equipo como o Salamanca. Creo que, manexando eses nervios ou intranquilidade, esa contorna debería xogar ao noso favor.

Referencia da anterior xornada. O partido contra o Pontevedra quizais non sexa unha referencia exacta, porque seguramente eran sabedores do que estaba a facer o Adarve e sabían que cun punto lles valía. Non é unha referencia moi clara, respecto a outros partidos, para ter en conta ao Salamanca.

Pendentes doutros campos? Alguén seguramente estea pendente, aínda que é certo que o outro día, estando no banco, non sabiamos nada dos outros campos, o cal pode ser positivo, porque pode alterar as pulsacións dos xogadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado