Escudero: “Considérome un xogador completo e creo que podo achegar ao equipo en moitas fases do xogo”

De esquerda a dereita: Miguel Calviño, xerente do restaurante San Jaime, Rodrigo Escudero e Ramón Castro, director das Relacións Institucionais do club.

  • O atacante foi presentado esta tarde no restaurante San Jaime, o seu patrocinador oficial

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2021

Rodrigo Escudero foi presentado esta tarde como novo xogador da SD Compostela nas instalacións do restaurante San Jaime, o seu patrocinador oficial. O atacante valisoletano, trala súa fichaxe dende o Zamora CF, realizou as súas primeiras declaracións como futbolista branquiazul, valorando a súa chegada á capital galega, os seus obxectivos e as súas impresións nestas primeiras semanas no club.

Ademais, o acto tamén serviu para dar a coñecer o patrocinio oficial do restaurante San Jaime, establecemento que, da man do seu xerente Miguel Calviño, leva anos apoiando o proxecto branquiazul, pero que esta tempada estréase na camiseta da SD Compostela portando a súa imaxe nas costas de Rodrigo Escudero.

“Somos de Santiago, somos compostelanistas e para nós é un orgullo estar presentes na camiseta da SD Compostela. Para que o proxecto poida conseguir grandes logros é importante que o apoiemos, por iso é polo que levamos tempo achegando a nosa axuda en todo o que podemos. Deséxolle a mellor das sortes ao noso Compos para esta tempada e, por suposto, tamén a Escudero, para que luza da mellor maneira posible ao noso restaurante”, indicou Miguel.

Na presentación, por parte do Compos, tamén estivo presente Ramón Castro, director das relacións institucionais do club.

Declaracións destacadas de Escudero.

Expectativas. Tanto as miñas como as do equipo teñen que ser as de estar arriba na clasificación, certificar o playoff para poder ascender á Primeira RFEF.

Novo adestrador. A Rodri non o coñecía, polo que me contaron os compañeiros segue a liña de Yago e imaxínome un equipo de moita posesión e de xerar espazos por dentro. En definitiva, un equipo de tratar ben a pelota, que é o que se estaba facendo. O que vin o ano pasado do Compos gustábame, un conxunto que xeraba moitas ocasións de gol e a impresión foi boa.

Cambio de estilo. Entre un adestrador e outro, aínda que é pronto, si que hai cambios. Para empezar, a forma de xogar, que vai un pouco coa identidade do club. O Compos está afeito a un fútbol combinativo de moita posesión, mentres que en Zamora era máis un equipo forte defensivamente, tratando de dominar outras fases, como o xogo directo ou de transición. Hai diferenzas, pero nin unha é mellor que outra nin nada polo estilo.

Adestramentos con Rodri. Os adestramentos están moi orientados ao aspecto ofensivo. Aínda que se traballaron conceptos defensivos e do centro do campo, creo que os exercicios de Rodri están moi orientados a mellorar ese xogo por dentro e de combinación para xerar perigo en ataque.

Achega persoal. Considérome un xogador completo, en canto a que teño un bo xogo aéreo, velocidade para ir ao espazo, capacidade para asociarme, polo que creo que podo achegar moito ao equipo en diferentes fases do xogo.

Chegada a Santiago. Estou moi contento, tanto coa cidade como cos compañeiros, creo que son moi próximos e axudan aos novos a integrarnos.

Lesión de pretempada. Creo que a semana próxima estarei xa para xogar. Tiven un contratempo no cuadríceps o día do Noia, que ao final en pretempada é o normal, pero hai que coidalo e recuperalo ben para que no futuro non dea problemas. Creo que para a semana próxima xa poderei adestrar co grupo con normalidade.

Posición no campo. Estou máis cómodo xogando arriba, pero tamén xoguei en banda esquerda. Os dous últimos anos xogabamos con dous dianteiros, que é o que máis me gusta, pero tanto se teño que xogar só como en banda, adáptome.

Goles. Os dianteiros vivimos do gol, pero asino que ocorra o mesmo que o ano pasado, marcar tres goles e que o Compos ascenda.

Ascensos consecutivos. O meu primeiro ano en Zamora coincidiu coa pandemia, xogamos o playoff reducido autonómico e subimos a Segunda B. E nesta segunda tempada, nese formato novo, volvemos ascender a Primeira RFEF e xogamos fase a Segunda División, polo que foron dous anos moi bos alí.

Compañeiros no ataque. É certo que aquí, polo visto o ano pasado, xógase case sempre cun dianteiro, polo que vai ser difícil que coincidamos no campo. Creo que hai moi bo ambiente no grupo e que unha vez nos vaiamos coñecendo van ir ben as cousas.

Derrota ante o Estradense. Estamos en pretempada, é verdade que foi un partido oficial e sempre che ilusiona porque xogando a fase nacional podes optar á Copa do Rey, pero tamén hai que ter en conta que había moitas baixas e son cousas que poden ocorrer. Fomos con moita xente nova, 120 minutos e é complicado poder dicir algo a día de hoxe do Compos por todos eses inconvenientes.

Achega de mozos como Pablo Durán ou Roque. Pablo é un mozo con moitas gañas e creo que vai achegar moito e Roque sorprendeume para moi ben. Onte creo que foi dos mellores, contra o Racing igual, é un mozo moi descarado para a idade que ten e estou seguro de que terá un gran futuro no fútbol.

Galicia. Coñecía Galicia como turista, futbolisticamente non. Paréceme un mercado moi interesante e por iso tamén me decidín por vir aquí. Oxalá vaia todo ben e podamos facer unha gran tempada.

Carreira no fútbol. Os meus soños futbolísticos están a cumprirse porque me dedico ao que realmente me apaixona, polo que non teño máis que pedir. En todo caso, todos os que xogamos a isto buscamos progresar deportivamente, o cal significa subir de categoría.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado