Escasa fortuna no empate contra o Arenteiro

Lanzamiento de falta de Jordan que se escapou por enriba do longueiro. Foto: Amadeo Rey.

  • O cansazo fixo efecto nun Compos que rozou a vitoria nos últimos minutos

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022

A SD Compostela non puido pasar do empate esta tarde no fortín contra o Arenteiro, nun partido moi pechado, con moitas interrupcións, no que ao Compos lle custou mostrar o seu fútbol alegre. O cansazo do mércores fixo efecto, aínda que a contenda puido caer do lado compostelanista nos últimos minutos. Con todo, a pelota hoxe non entrou.

A SD Compostela regresaba ao fortín este domingo, tralo triunfo do mércores, coa misión de repetir éxito diante da súa afección. Para o derbi contra o Arenteiro, Rodri deu entrada a Guille Torres e a Pablo Antas, quen regresaba despois de varias semanas afastado dos terreos de xogo por lesión.

Coa mesma premisa de sempre, os branquiazuis saíron dominadores ao verde, buscando un inicio como o do outro día. Non houbo tanta fortuna, pero os nosos rozaron o gol ata por dúas veces. No 5, Diego García sacou sobre a liña un taconazo de Primo; e no 15, Parapar, forzado, non puido picala ante o porteiro e na continuación a cabezada de Escudero saíu centrado e manso para a meta.

Despois dese inicio fulgurante, o partido baixou o ritmo, atopando o Compos máis problemas para elaborar o seu xogo e chegar ao arco rival. Así, un lanzamento de falta dende a frontal de Jordan, o cal se marchou por encima do traveseiro, foi a única acción de perigo previa ao intermedio.

Pola súa banda, o Arenteiro non inquietaría a área de Pato ata o minuto 45, cando Cassio probou un disparo potente de lonxe que despexou o porteiro uruguaio a córner. Deste xeito, chegouse ao intermedio co resultado inicial.

Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas, a contenda seguiu polos mesmos camiños, cun ritmo trabado, con moitas interrupcións, que favorecía máis aos intereses dos visitantes que a un Compos que tentaba propor co esférico.

Froito desa situación, tentou axitar ao equipo Rodri movendo o banco, dando entrada a Pablo Durán, Rafa Mella e Josiño, aínda que os que avisaron serían os do Carballiño, precisamente cun revulsivo. Sylla rematou de cabeza na área, no primeiro balón que tocaba, un golpeo a contrapé que salvou Pato cunha espectacular reacción.

A pesar diso, todo mudou cando Ger, no 74, recibiu a segunda amarela, nunha falta por detrás sobre Josiño, cando o Compos saía á contra. Cun máis, os branquiazuis foron a polo gol e tivérono, nunha gran dobre ocasión, no 80. Roque perfilouse pola área e soltou un disparo coa súa zurda que se estrelou no pau, pero máis clara foi o rexeite, xa que Escudero atopouse a pelota, sen porteiro debaixo dos paus, pero cruzouna en exceso.

Nesa gran recta final, na que houbo moitos paróns, a opción tívoa Pablo Durán nas súas botas. O dianteiro de Tomiño foise do seu par e soltou un disparo potente cruzado dirección á portería, pero Diego lanzouse á perfección e tocouna a córner.

Por iso, o resultado non se moveu e a contenda terminou con reparto de unidades, un punto que sabe a pouco para o Compos, pero que agardan que se faga bo a próximo fin de semana, na visita ao Marino de Luanco.

FICHA TÉCNICA

0- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas (Joel, m.78), Guille Torres, Salado (Jimmy, m.78); Pablo Antas, Fer Beltrán (Josiño, m.66), Jordan; Parapar (Rafa Mella, m.66), Escudero e Primo (Pablo Durán, m.58).

0- CD ARENTEIRO: Diego García; Eimil, Portela, Ger, Joseca (Joni, m.86); Pibe, Álex Fernández, Casssio de Goes, Marquitos (Sylla, m.71); Raúl Blanco e Sobrido (Naveira, m.77).

GOLES: Sen goles.

Árbitro: Figueirido Comesaña (Galicia). Expulsou a Ger (m.74) por dobre amarela. Ademais, amoestou a Primo, Pablo Antas, Guille Torres e Álvaro Casas, polo Compos; e a Cassio  de Goes  e Sylla, polo Arenteiro.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Xornada 23 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado