En busca da mellor versión para arrincar con vitoria

  • Rodri agarda ver ao Compos máis recoñecible contra o Pontevedra para sacar os tres puntos e darlle unha alegría á afección

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022

Agora si, volve o fútbol ao Vero Boquete de San Lázaro, e cun partidazo. A SD Compostela medirase o domingo (17.00 horas) ao Pontevedra no derbi, un duelo ao grande do que se agarda un ambientazo nas bancadas e no que os nosos queren regresar á senda triunfal. Tras máis dun mes sen competir, os branquiazuis chegan preparados para arrincar o 2022 coas mellores sensacións.

Na previa do Partido Cinco Estrellas, Jimmy e Rodri analizaron o duelo, destacando a importancia de estar efectivos en ataque e mostrar a mellor versión do equipo para sacar os tres puntos.

Declaracións destacadas de Jimmy.

Estado do equipo. Levamos varias semanas sen competir e fainos falta, sobre todo a min, que levo unha volta bastante mala e a ver se nesta segunda teño minutos e axudo ao equipo.

Nivel físico persoal. Ao 100% non sei se estarei ata que xogue, pero espero ter unha pequena continuidade porque me fan falta minutos para coller o ritmo.

Tempo sen competir. Creo que será un partido difícil, pero ao ser un derbi, non importará moito que levemos tanto sen competir. Sairemos a desfrutar do partido, do ambiente e creo que será un duelo moi bonito.

Rivais e amigos. Eles estano facendo moi ben alí, temos moi boa relación con eles e ademais teño bastantes amigos en Pontevedra porque xoguei un ano e será bonito. Na directiva, traballando no club e xogando teño moitos amigos, polo que será bonito volver enfrontarnos no Vero Boquete.

Partido esperado. Creo que será un partido parecido á primeira volta, un equipo difícil de facerlle gol, pero espero que teñamos efectividade en ataque. Oxalá sexa un partido bonito e que saquemos a vitoria nós.

Claves para gañar. Se deixas a portería a cero, tes moita vantaxe, pero será complicado. En todo caso, agardo que podamos materializar as nosas ocasións, polo menos máis que eles.

Posible ambiente. Cos días que están a facer, espero que a xente se anime e creo que haberá moi bo ambiente. Virá moita xente de Pontevedra, hai rivalidade entre clubs, no bo sentido e espero que haxa un ambientazo nas bancadas.

Declaracións destacadas de Rodri.

Momento no que está o equipo. É unha incógnita. Evidentemente, estar tanto tempo sen competir non é unha boa noticia, pero dentro das posibilidades e limitacións que tivemos, tentamos adestrar o mellor posible e facer algún simulacro de competición, coa esperanza de que o equipo recupere o nivel que tiña antes do Nadal canto antes.

Estado do plantel. Seguramente nos veu ben o descanso de Nadal porque tiñamos moitos problemas físicos. En principio, como todas as semanas, pola intensidade dos adestramentos hai xente que ten algunha molestia muscular, típica de semanas intensas, pero esperamos poder contar con todo o mundo e que estean ao seu mellor nivel para competir como o equipo adoita facelo habitualmente.

Parón da competición. A idea era aproveitar o parón para facer unha minipretempada, pero as noticias e as ganas que tiñamos de xogar e aproveitar esta semana para enfrontarnos ao Salamanca, condicionounos moito. Non estou contento nese aspecto, creo que a Federación nos prexudicou, pero tentamos adestrar o mellor posible, estar preparados para se se podía xogar esa fin de semana, non se puido, polo que tocou darlle outra volta para pensar no Pontevedra e tentar chegar nas mellores condicións.

Diferenzas polas semanas sen competir. Non é o mesmo adestrar que competir. Eles levan unha semana de vantaxe, porque puideron enfrontarse a un rival e preparar e traballar distintos mecanismos. Nós tentámolo nos adestramentos, xogando partidos para traballar estas cousas e competir, pero non é o mesmo, porque cando queres traballar unhas mobilidades, o rival tamén as sabe e neutralízate mellor. En todo caso, estamos con toda a confianza para enfrontarnos ao Pontevedra, sabendo que é un rival que nos esixirá moito, porque posiblemente ten o mellor once da categoría. Temos que estar ao noso mellor nivel e se o estamos, que así o espero, teremos as nosas ocasións, máis na casa, para coller os tres puntos.

Recordo da primeira volta. Foi un partido con dúas partes moi diferenciadas, onde na primeira estiveron mellor ca nós. Ao ser o primeiro encontro de liga non estabamos axustados, precipitámonos en moitos momentos, pero na segunda o equipo reaccionou, estivemos ben, tivemos ocasións ata para adiantarnos no marcador, aínda que nos últimos quince eles apertáronnos. Seguramente, o empate foi o máis xusto. Evidentemente, de todos os partidos aprendes cousas, esta semana volvín ver o partido un par de veces, para analizar comportamentos do rival e cousas que fixemos ben, para tentar implementalas esta fin de semana para sacar un resultado favorable.

Potencial do Pontevedra. A nivel individual ten moi bos futbolistas, pero o que lles destacaba esta semana aos mozos é o bloque. Durante os noventa minutos, co resultado que teña, vai con todo e non baixan o nivel, polo que xeran moito desgaste físico, ademais da calidade que teñen. Para nós é importante ter a pelota, tentar ser valentes, ter a posesión en determinadas zonas onde cremos que podemos facerlle dano e, sobre todo, ir preparados para un partido moi disputado e dun nivel altísimo tanto físico como táctico, esperando que deamos a nosa mellor versión para darlle unha alegría á afección.

Que lle pide ao equipo en 2022. O equipo nas xornadas que disputou, salvo unha ou dúas, creo que competimos moi ben, polo que lles pedimos o mesmo, porque é o mínimo que se lle pode pedir a un futbolista profesional: adestrar ben e dalo todo porque estaremos máis preto de gañar e de obter bos resultados. Ademais, seguiremos revolucionando en canto a sistemas de xogo, mobilidades e a partir de aí verase ata onde somos quen de chegar.

Posible ambiente nas bancadas. Oxalá haxa un ambientazo. É un partido moi bonito, dos máis bonitos deste grupo. Oxalá veña xente de Pontevedra e que os afeccionados que nos apoian todas as semanas o sigan facendo. Oxalá se vexa un bo partido, que a xente desfrute e, varrendo para casa, que gañe o Compos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado