Empeza o camiño á Segunda B

  • A SD Compostela visita ao Alondras mañá na primeira xornada de liga

Santiago de Compostela, a 23 de Agosto de 2019.

A SD Compostela arrinca mañá o seu camiño cara á soñada Segunda División B rendendo visita ao sempre complicado Campo do Morrazo, onde lle espera un Alondras renovado. Tras unha longa pretempada, os nosos tiñan ganas de arrincar a competición oficial para converter en puntos as boas sensacións estivais.

“Desde a primeira semana vimos unha evolución, e aínda que temos moita marxe de mellora, estamos todos con ganas de que isto empece para ver o ritmo de competición”, explicou Yago Iglesias na primeira rolda de prensa do curso.

Con todo, a clasificación para as roldas de finais das copas Deputación e Federación provocou que o corpo técnico non tivese o tempo suficiente para ensamblar, como lle gustaría, ao equipo. “Temos moitas caras novas e sobre todo en posicións importantes, como o mediocampo, polo que nos gustaría contar con máis semanas libres para asimilar conceptos, pero no que vimos, o equipo está a bo ritmo”, subliñou.

A pesar diso, a experiencia do curso pasado failles valorar outros aspectos do curso estival. “Viñamos de só dúas semanas de vacacións, cun ritmo moi alto e o nivel era espectacular, pero despois tivemos o baixón en decembro. Así que, dentro de non chegar ensamblados, hai moita marxe, por exemplo, para que a dianteira colla a forma e o mediocampo consiga velocidade para levar a cabo os automatismos que buscamos”, analizou o adestrador.

Nese último aspecto, considera que algúns momentos de desconexión, pola maneira de xogar do equipo, que se puideron observar nos amigables emendaranse ao longo das semanas. “Non é algo que me preocupe porque se irá axustando. Xente como Soto, Jimmy, Baleato ou mesmo Antas farannos crecer nesa madurez e saber estar”, remarcou.

En canto ao rival, o técnico destacou a calidade dun conxunto que, a pesar dos cambios, mantén un nivel moi alto. “Perdeu xogadores importantes, pero manteñen a columna vertebral, con Agujetas, Jesús Varela, Pablo, Iván Pérez, Mauro ou Jonás, aos que incorpora futbolistas con calidade como Cora, xuvenís que soben ao primeiro equipo e cedidos do Celta B e do seu xuvenil”, analizou.

Outra das caras novas verase no banco, cun adestrador que precisamente sobe desde a base. “Gústalle xogar, malia que ao estar a axustar ao equipo, polo que vimos, quere facerse moi forte sen balón e a partir de aí aproveitar a xente rápida das bandas”, sinalou.

A todo iso, hai que sumar tamén o factor campo e o momento da tempada, factores que tamén incidirán no xogo. “Empezamos na súa casa, un campo sempre complicado, e tras un verán no que lograron moi bos resultados, pero oxalá empecemos a liga sumando de tres por terceiro ano consecutivo”, concluíu.

Con esta finalidade, o equipo viaxará mañá en autobús a Cangas, nunha expedición de dezaseis xogadores na que quedan fóra Sergio, Alberto Freire e Hugo Sanmartín, todos eles por lesión. Os que si serán da partida, tentarán por todolos medios, comezar con bo pé este camiño á Segunda División B.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado