Empate para un Compos que rozou os tres puntos en Butarque

Os capitáns da SD Compostela e CD Leganés B no inicio. Foto: CD Leganés B.

  • Os compostelanistas comandaron boa parte do encontro, pero os locais empataron con dez nos últimos minutos

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2021

A SD Compostela segue sumando neste inicio ligueiro. Os branquiazuis conseguiron un novo empate, 1-1, na Instalación Deportiva Butarque. Con todo, os nosos rozaron os tres puntos, tras ir comandando o marcador durante boa parte do choque, pero un tanto de Iker, no 85, cando o Leganés B estaba con 10, provocou a igualada final.

A primeira viaxe da SD Compostela a terras madrileñas comezou do mesmo xeito que nas dúas últimas xornadas, da mellor maneira posible. Na primeira acción de perigo do encontro, no minuto 8, a pelota acabou na rede.

Primo recibiuna de costas na frontal da área, dividiu o ataque cara á banda dereita para a chegada de Rafa Mella, quen a acomodou e puxo un gran centro ao segundo pau para a entrada do propio ariete cántabro, quen percutindo na zaga a toda velocidade remachouna na área pequena, un auténtico golazo.

Tralo tanto, o partido mantívose baixo a batuta dun Compos dominador coa pelota, aínda que chegada a media hora, esa orde rompeu, con ocasións en ambas as áreas. A máis clara para os locais tívoa Mario Rivas, pero chegou forzado a un centro lateral e rematouna fóra. Mentres tanto, os nosos rozaron o segundo nun disparo potente de Fer Beltrán dende o interior da área, tras deixada de Primo, que saíu rozando o pau.

Tras ese breve momento de ida e volta, a SD Compostela volveu dominar e acabou a primeira parte volvendo a roldar a portería de Victores, tanto nunha peiteada de Primo coma nun centro de Josiño, pero en ambos casos os defensores madrileños adiantáronse aos nosos no último momento.

Á volta dos vestiarios, o Leganés quixo dar un paso adiante, pero foron de novo os compostelanistas os primeiros en avisar. Tras unha longa posesión, Álvaro Casas serviu un gran balón ao espazo para Primo, que quedou no man a man co porteiro, pero Victores tapou os ocos e o dianteiro cántabro non puido atopar a rede.

Respondendo o dominio compostelanista, os locais comezaron a mandar balóns longos e aproveitar segundas xogadas ou accións de estratexia. Así, primeiro, Rentero enviou arriba un pase atrás de Diego García; despois, Mario Rivas atopouse cun inconmensurable Pato, tras quedar só na área; e nunha terceira oportunidade, Samed rematou de cabeza arriba, na área pequena, un córner.

A pesar diso, o Compos púidose quitar a presión nunha rápida acción de contraataque, na que unha clara falta do propio Samed sobre Pablo Durán supúxolle a segunda amarela. Contra dez, tívoa por dúas veces o atacante de Tomiño, en ambas aparecendo á carreira, pero primeiro atopouse coa man dura abaixo de Victores e despois co gran corte de Ofoli. Tamén o probou Álvaro Casas, pero o capitán mandouna arriba coa zurda.

Con todo, quen acabaría marcando serían os locais, precisamente nun balón longo, no que a asistencia de Mourid deixou a Rubio só na banda, este albiscou o horizonte dende a liña de fondo e deixouna perfecta atrás para un Iker que fusilou a pelota ás mallas. Tocouna Pato, pero ante a potencia do disparo non puido sacala.

Con este tanto pechouse o encontro, xa que a pesar dos intentos de ataque compostelanista, os nosos non foron quen de atopar as vías cara ao gol. Por tanto, repartición de puntos final para un Compos que segue sen perder, sumando xa 8 unidades en catro xornadas. A próxima fin de semana tocará volver ao fortín para un novo derbi, esta vez ante o Bergantiños.

FICHA TÉCNICA:

1- CD LEGANÉS B: Victores; Rubio, Alba (Samed, m.35), Ofoli, Joserra; Álex (Iker, m.65), Cassio (Rentero, m.46), Cisse, Borona (Mourid, m.46); Mario Rivas e Diego García (Óscar, m.75).

1- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Matías, Salado; Pablo Antas; Rafa Mella (R. Baleato, m.85), Fer Beltrán (Jordan, m.75), Josiño (Samu, m.65), Escudero (Pablo Durán, m.65); e Primo (Parapar, m.75).

GOLES: 0-1: Primo, min.8; 1-1: Iker, min.85.

Árbitro: Camacho Garrote (Andalucía). Expulsou a Samed (min.77) por dobre amarela. Ademais, a monestóa Cisse, Cassio, Rubio e Joserra, polo Leganés B; e a Josiño, polo Compos.

Incidencias: Instalación Deportiva Butarque (Madrid). Xornada 4 de Liga da Segunda RFEF disputada ante 400 espectadores, aproximadamente.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado