Empate nun derbi de dominio branquiazul

Jimmy celebra o seu gol con Jordan. Foto: Amadeo Rey.

  • A SD Compostela non puido pasar da igualada ante o Coruxo, nun encontro no que se adiantou no marcador

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2022

A SD Compostela dominou por completo o derbi contra o Coruxo, tivo ao rival onde quería, pero a falta de punch nos últimos metros impediu sumar máis aló do punto conseguido. Os branquiazuis adiantáronse cun golazo de Jimmy, ao cuarto de hora, pero o tanto de Mateo, na única chegada visitante, equilibrou a balanza e así quedou. 1-1 final, todo que queda igual e unha final menos para acabar a liga.

Cunha auténtica final nun derbi vital, o Compos regresaba ao fortín co obxectivo de recuperar o bo camiño. Coa transcendencia que requiría o duelo, a bancada respondeu á chamada do club e iso marcaría o inicio, cun Compos moi metido desde o arranque, arroupado pola calor dos seus.

Presionando alto e coa posesión do esférico, os branquiazuis levaban o encontro por onde querían. Dominando a pelota, aínda que sen aproximacións, apreciábase que o gol estaba máis preto de chegar para os nosos e así foi.

No 16, Rafa Mella cambiaba a orientación do xogo para Jimmy, este realizaba unha parede de primeiras con Escudero de moito nivel e entrando no man a man, enganaba a Alberto co pase atrás, para picarlla con sutileza. Un auténtico golazo.

O tanto era o que necesitaban os compostelanistas que seguiron a por máis, ante unha bancada entregada. Deste xeito, Jordan tiña o segundo nas súas botas, pero escapábaselle por moi pouco. A súa presión elevada facía efecto, xa que tapaba o intento de despexe da zaga, pero o esférico, tras saír da súa bota, estrelábase contra o poste, cando Alberto xa estaba batido.

Con todo, coa contenda controlada, chegaría un xerro de auga fría en forma de gol visitante. Nunha acción combinada, Chiqui gañábaa na dereita e o seu centro atrás, que a punto estivo de sacalo un defensor, rematábao de cabeza Mateo á rede. 1-1 e tocaba empezar de novo.

Coa cabeza arriba, os branquiazuis repúñanse rápido e volvían levar a voz cantante, pero antes do intermedio non habería tempo para máis, chegándose ao descanso coa igualada.

Á volta dos vestiarios, coa mesma dinámica, a SD Compostela recuperaba a posesión do esférico e con ela o control absoluto do xogo. Aínda que non había acerto no último pase ou en controis decisivos, a contenda avanzaba pola senda marcada polo Compos.

Co marcador igualado, ambos adestradores tentaban axitar a cocteleira con cambio de pezas en todas as liñas, con cinco xogadores de refresco por bando, pero as ocasións resistíanse.

Deste xeito, chegábase á recta final con todo por decidir, romperon un pouco as hostilidades, pero todo quedou como estaba. Empate final, 1-1, nun encontro no que se recuperou ese camiño que ten que seguir o equipo para manterse nos postos de playoff nesta recta final da tempada.

FICHA TÉCNICA:

1- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Roberto Baleato, Jimmy; Pablo Antas (Guille Torres, m.73), Jordan (Salado, m.79), Fer Beltrán (Samu, m.46); Rafa Mella (Primo, m.62), Escudero e Pablo Durán (Josiño, m.79).

1- CORUXO FC: Alberto; Johan (Jacobo Trigo, m.46), Antonini, Pablo Crespo, Aitor Aspas; Álex Ares (Garci, m.46), Dani, Antón de Vicente, Mateo (Borja Domingo, m.80); Chiqui (Sandá, m.85) e Martín Rafael (Silva, m.58).

GOLES: 1-0: Jimmy, min.16; 1-1: Mateo, min.31.

ÁRBITRO: Fernández Rodríguez (Galicia). Amoestou a Roque, Pablo Antas, Álvaro Casas, Jimmy, Rodri (banco) e Jordan, polo Compos; e a Jacobo Montes (banco) e Antonini, polo Coruxo.

INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da Xornada 27 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1400 espectadores, aproximadamente. Antes do inicio, Julia Vaqueiro e Amador Pena, atletas da SD Compostela Atletismo e medallistas no último Campionato de Europa Máster, realizaron o saque de honra.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado