Empate final para un Compos que foi a máis

Once da SD Compostela no Estadio Nueva Balastera.

  • Escudero, de penalti, puxo as táboas nuns últimos minutos de asedio branquiazul

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2022

A SD Compostela sumou un novo empate, un novo 1-1, no encontro contra o Palencia. Nun partido de refachos, os nosos sacaron un punto da Nueva Balastera, mercé a un penalti transformado por Escudero no 82. Tras aguantar durante moitos minutos a presión local, motivados tralo gol de Frodo, os nosos acabaron asediando a portería de Guille, logrando a igualada e rozando incluso algún premio maior.

Cun once cheo de novidades, con ata cinco trocos respecto ao domingo pasado, a SD Compostela presentouse na Nueva Balastera co obxectivo de sumar o primeiro triunfo do ano. Nun duelo que se presaxiaba de poder a poder, os branquiazuis querían impor as súas armas para superar, como na primeira volta, ao cadro palentino.

Co apoio dun centenar de afeccionados composteláns, quen se fixeron notar dende a chegada ao Estadio dos nosos, o Compos saltou mellor ao verde e froito diso puido dispor das primeiras opcións claras de gol.

O primeiro aviso, no 8, tivo a Primo como protagonista, quen disparou fose virándose, tras controlar de costas un centro de Parapar. Aínda que máis clara foi a que dispuxo o ariete cántabro no 11, xa que despois dun saque rápido de falta, Pablo Durán puxo o esférico colgado dende a dereita, peiteou Baleato e Primo rematou na área pequena, pero o seu toque en semierro foi sacado sobre a liña por un central local.

Á boa saída visitante non responderon os locais ata o cuarto de hora, pero cando o fixeron foi cunha acción de moito perigo. Saíron verticais ao contragolpe pola dereita, avanzando con varias deixadas de taco, a última delas para a carreira de Silva, quen chegando desde o lateral rematou no punto de penalti coa zurda, pero Pato lanzouse á perfección para sacar con seguridade cara a un lado.

Tras uns minutos de tranquilidade, pasada a media hora, o Compos volveu á carga, esta vez tras un roubo na saída de balón palentina. Gañouna Pablo Durán, a pelota chegou a Primo, quen a deixou de cara para Josiño, pero o remate cruzado deste sacouno cunha magnífica estirada Guille.

Con todo, de novo houbo resposta local e esta vez foi contundente. Roubo no centro do campo, saída vertical e Frodo, beneficiándose dun rebote, plantouse ante Pato e cruzouna ao fondo da rede, 1-0.

O golpe foi duro, pero puido ser maior, porque sete máis tarde, o propio dianteiro local tivo outra opción franca. Gañou a liña de fondo Moreno, centrou atrás e o remate de primeiras do goleador estrelouse contra o pau.

Aínda así, houbo tempo para unha última chegada branquiazul, no 43, nunha falta colgada por Samu que chegou a Guille Torres no segundo pau, pero o seu disparo coa destra foi cruzado en exceso. Por iso, chegouse ao intermedio coa vantaxe local.

Á volta dos vestiarios, a diferenza do inicio do partido, saltaron mellor os locais, buscando a súa segunda diana. Primeiro, probou sorte, no 48, outra vez Frodo, rematando tras deixada de Adri, do que o Compos reclamou a súa posición adiantada, pero Pato lanzouse para sacala. Despois, tres máis tarde, tívoa Moreno, cun lanzamento de falta dende a frontal que se estrelou na cruceta. E, por último, no 60, o porteiro uruguaio lanzouse aos pés de Adri para evitar que cargase a perna na área pequena.

Buscando respostas no banco, Rodri moveu o avespeiro e deu entrada a homes de refresco, unha decisión que cambiou a dinámica do encontro. O Compos foise arriba, comezou a asediar sobre a meta de Guille, pero faltáballe ese chisco de fortuna para atopar a rede nas súas continuas chegadas.

Froito dese empeño, nun córner lanzado por Jordan, peiteou a pelota Baleato e esta golpeou no brazo dun defensor, penalti. Esta vez, Escudero, que regresaba ao equipo, encargouse de executalo, enganando por completo ao porteiro e pondo as táboas no luminoso.

Coa euforia, os nosos foron a por máis e tiveron a opción nun lanzamento de Rafa Mella, dende a frontal, que se marchou moi preto do poste. Con todo, xa non houbo tempo para máis e a contenda terminou en empate, 1-1.

Unha xornada máis, o Compos segue sen perder, demostrando a súa capacidade para adaptarse e competir en calquera circunstancia. Os nosos suman un punto máis, nun campo complicado, para seguir loitando na parte alta da táboa. A próxima semana, os branquiazuis tentarán que sexa un máis tres noutra saída, esta vez a Madrid, para medirse ao Móstoles.

FICHA TÉCNICA:

1- PALENCIA CRISTO ATLÉTICO: Guille; Silva, Abel, Gallego (Morante, m.72), Selles; Álvaro, Javi Bueno, Diego, Juan Moreno (Edu, m.72); Adri (Josua, m.80) e Frodo (Manu, m.88).

1- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Guille Torres, Jimmy; Samu (Escudero, m.55), Roberto Baleato, Josiño (Jordan, m.55); Pablo Durán, Parapar (Rafa Mella, m.71) e Primo.

GOLES: 1-0: Frodo, min.35; 1-1: Escudero, min.82.

Árbitro: Miranda Bolaño (Estremadura). Amoestou a Silva, Edu e Morante, polo Palencia; e a Parapar, Rafa Mella, Jordan e Álvaro Casas, polo Compos.

Incidencias: Estadio Municipal Nueva Balastera (Palencia). Xornada 19 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado