Empate en Ourense para un Compos que rozou a vitoria

Hugo Matos, buscando o regate nos últimos minutos. Foto: Amadeo Rey.

  • Pablo Crespo empatou no 81 e os nosos puideron marcar o segundo nos últimos minutos

Ourense, 18 de setembro de 2022

A SD Compostela sumou un punto máis na liga, 1-1, tras empatar contra o Ourense no Couto. Os branquiazuis, de menos a máis, conseguiron equilibrar a contenda no 81 cun gol de Pablo Crespo, que se estreaba tras a sanción, e ben puido levar os tres puntos en varias ocasións finais, pero o marcador non se moveu.

No Couto, a SD Compostela disputaba o primeiro derbi da tempada. Tras sumar os tres puntos na casa, os nosos querían impulsar a súa dinámica positiva con outro triunfo. Para iso, con defensa de catro, Fabiano deu entrada como novidades a Pablo Crespo, que regresaba da sanción ao centro da zaga, Damián, como lateral esquerdo, e Cano, de enganche.

O comezo do duelo, como non podía ser doutra maneira, presentouse moi igualado, con dous equipos que tentaban dominar a pelota nun céspede maltreito. No medio dese arranque, precisamente afectado por unha banda moi branda, Mario Rodríguez recibía unha dura falta de Marqueta cando buscaba tirar a portería e lesionábase na acción, tendo que ser substituído por Jordan.

Tralo cambio, os locais deron un paso adiante e tiveron a súa primeira aproximación nun tiro desviado de Tiago desde a frontal. Con todo, á segunda, no minuto 22, desde esa mesma localización, Jerin non perdoou. Controlou o pase de Tiago, tras deixar o Compos unha pelota solta na área, e definiu cunha gran volea axustada ao pau.

Reaccionando ao tanto local, colleu a iniciativa da pelota e púxose ao choio para tentar chegar á meta de Marqueta. Así, tras a pausa de hidratación, os nosos tiveron as súas primeiras opcións, e moi claras.

Primeiro, Cano conectou con Darío polo medio, pero o dianteiro non puido chegar a rematar porque a pelota quedou trabada no céspede. E a continuación, tras un bo centro de Parapar, Jordan deixouna de peito para Cano e o atacante, tras controlala, mandouna rozando o pau.

Con todo, ao descanso chegouse coa vantaxe ourensá, despois duns últimos minutos de ida e volta no que ningún atopou portería, aínda que Pato tivo que intervir para deter o golpeo de Sergio Arribas nunha subida pola dereita.

Á volta do intermedio, probouno ao minuto Parapar, aínda que a resposta local foi contundente, xa que Tiago, aproveitando unha rápida transición, plantouse no man a man contra Pato, tendo que sacar o arqueiro uruguaio os seus enormes reflexos para evitar o segundo da tarde. Tamén estivo preto Nacho Fariña, no 58, cun golpeo forte dentro da área que se estrelou no traveseiro.

Quitándose o peso de encima, os cambios sentaron ben a un Compos que foi a máis. No 71, Jordan puido empatar o partido, cunha entrada desde atrás, pero o seu disparo sacouno Marqueta cunha gran voada. E no 73, Damián foise de Nacho Fariña, este trabouno e caeu expulsado.

Cun máis, os nosos recibiron o impulso que necesitaban e acabaron empatando. No rexeite dun córner, a pelota caeu na área a Pablo Crespo, quen a cruzou coa dereita ao fondo da rede, 1-1.

Seguindo con esa boa onda, Roque probouno de volea desde o bordo da área, pero atrapou ben Marqueta. Tamén desde a dereita arrincou Elliot para sacar un disparo potente que se marchou rozando o traveseiro. Con todo, a máis clara chegou no desconto, nunha internada pola esquerda de Hugo Matos, quen a puxo potente a área pequena e Cano non chegou por milímetros. Rozouna, pero non conseguiu empuxala.

Por iso, a contenda acabou coa igualada 1-1, un punto máis para seguir sumando na liga. Un empate nunha difícil saída, antes de regresar ao Vero Boquete para medirse ao Langreo.

FICHA TÉCNICA

1- OURENSE CF: Marqueta; Nacho Fariña, Portela, Ebuka, Hugo Sanz; Manu Rodríguez; Sergio Arribas (Isra, m.74), Jerin, Tiago, Alberto Gil (Gonzalo Expósito, m.77); e Borja Domingo (Gabri Palmás, m.62).

1- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana (Roque, m.70), Álvaro Casas (Elliot, m.70), Pablo Crespo, Damián; Samu (Kike, m.85), Fer Beltrán; Parapar (Hugo Matos, m.85), Cano, Mario Rodríguez (Jordan, m.14); e Darío.

GOLES: 1-0: Jerin, min.22; 1-1: Pablo Crespo, min.81.

ÁRBITRO: Pérez Fernández (Castela e León). Expulsou a Nacho Fariña (m.73), por dobre amarela, no Ourense; e a Fer Beltrán, tras o partido, con vermella directa. Ademais, amoestou a Marqueta, Tiago, Gabri Palmás e Jerin, polo Ourense; e a Damián, polo Compos.

INCIDENCIAS: Estadio do Couto (Ourense). Xornada 3 da Segunda RFEF disputado ante 700 espectadores, con gran presenza de público de Santiago.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado