Empate de mérito contra o Deportivo

Soto pelexa con Nacho un balón con Nacho na segunda metade. Foto: Amadeo Rey.
  • O Compos xogou de ti a ti no derbi, rozando o tanto da vitoria no desconto

Santiago de Compostela, a 25 de Outubro de 2020.

Vinte e tres anos despois do último duelo en Primeira División entre Compos e Deportivo na capital galega, o derbi histórico terminou da mesma maneira que daquelas, co cero a cero inicial. Os nosos mostraron a súa mellor cara no fortín, xogando de ti a ti contra un rival de gran entidade e mesmo rozou a vitoria no desconto da segunda metade.

O Vero Boquete abría as portas nesta tempada 20/21 para vivir un partido doutra época, un derbi clásico da provincia. Con todo, e froito da situación sanitaria actual, facíao sen público nas bancadas, ocupadas nesta ocasión polos xogadores dos bancos de suplentes e os compañeiros dos medios de comunicación.

Cun ambiente insólito, o cadro branquiazul saltou sen complexos ao céspede do fortín, sen importarlle a entidade do rival que tiña enfronte. Buscando xerar a partir da posesión, fiel á súa filosofía, os de Yago Iglesias tentaban achegarse pola área de Carlos Abad.

Deste xeito, a primeira opción foi para os nosos, nun intento de centro chute de Juampa que lle saíu ás mans do porteiro. Responderían os visitantes, pasado o cuarto de hora, nun centro pasado de Keko que empalou de primeiras Lara, pero o esférico saíu rozando o pau.

A igualdade marcaba a nota do choque e as opcións de ataque, ante dous equipos moi ben plantados, eran escasas. Probouno Brais Abelenda, cunha manobra corporal sobre Borja Granero, pero o seu posterior remate marchouse moi afastado do arco. E respondería de novo o Dépor minutos máis tarde, esta vez, cun disparo de Keko que sacaba abaixo Pato. No rexeite, Borges marcou a pracer, pero a acción estaba anulada por fóra de xogo, polo que xa non se moveu o luminoso ata o intermedio.

Logo do tempo de asueto, o Compos saíu cunha marcha máis en busca do primeiro tanto e roldouno cunha das súas xogadas máis clásicas, as cabalgadas de Miki pola banda dereita. Na primeira que gañou as costas á zaga, tras un pase de Saro, puxo o pase da morte para Primo, pero quedóuselle atrás e non puido empalar á rede. E na segunda, logo dun precioso caneo de Josiño, o seu centro quedou morto no punto de penalti para que empalase un dos nosos, pero apareceu Nacho providencial para cortar no último momento.

Pasada a hora de encontro, e tras un triplo cambio no bando visitante, o Deportivo quixo tomar de novo a batuta e tivo a máis clara nas botas do propio Nacho. O mediapunta coruñés soltou un zambombazo desde 30 metros que golpeou no traveseiro e despois nas costas de Pato, marchando a córner a pelota.

Con todo, co luminoso marcando o cero a cero inicial, o que máis o buscou nos últimos minutos foi o Compos. Os de Yago Iglesias, con pernas de refresco, volveron á carga e comezaron a merodear con asiduidade a área de Carlos Abad. A través de varios centros de Hugo Sanmartín, o perigo fíxose latente, aínda que a opción máis perigosa chegou desde a banda dereita. Miki, gañando as costas do lateral, puxo un centro medido ao segundo pau que Primo, en primeira instancia, e Hugo, de segundas, non conseguiron enviar á rede.

Por iso, o marcador xa non se moveu e o Compostela puido sumar o primeiro punto da tempada, unha estrea no marcador que ten moito mérito pola entidade do rival. A filosofía compostelanista fixo acto de presenza no fortín, onde os nosos volveron mostrar a mellor versión. Agora, toca seguir con esta inercia, na próxima visita ao Coruxo.

FICHA TÉCNICA

0- SD COMPOSTELA: Pato; Saro, Álvaro Casas, David Soto, Jimmy; Pablo Antas (Guille Torres, m.87), Brais Abelenda (Hugo Sanmartín, m.73), Josiño (Roberto Baleato, m.73); Miki, Juampa (Gabri Palmás, m.65) e Primo.

0- RC DEPORTIVO: Carlos Abad; Bóveda (Derik, m.58), Mujaid, Borja Granero, Salva Ruíz (Valín, m.19); Álex Bergantiños, Borges (Uche, m.58); Keko, Nacho, Lara (Rui Costa, m.82); e Claudio (Miku, m.58).

Goles: Sen goles.

Árbitro: Fernández Pérez (Asturias). Amoestou a Saro e Pablo Antas, polo Compos; e a Valín, polo Deportivo.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da xornada 2 de liga do Grupo 1 Subgrupo A de Segunda División B disputado a porta pechada. Antes do encontro, gardouse un minuto de silencio en memoria de Isaura Couceiro, nai do fotógrafo do club.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado