Empate contra o Arousa nun gran partido da SD Compostela

Parapar, un dos xogadores máis destacados dende a súa entrada, encarando ao seu marcador na banda.

  • Os branquiazuis igualaron no tramo final cun tanto de Roque

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2021.

A SD Compostela volveu ao fortín para disputar un novo amigable da pretempada, nesta ocasión, para medirse a un Arousa co que se verá as caras na liga, e no que se atopan caras coñecidas da afección santiaguesa, Mon e Róber. Nun duelo dominado no xogo polos branquiazuis, o partido acabou con empate 1-1, despois dos tantos de Fontán, para os visitantes, e de Roque, para o Compos.

O encontro comezou moi de cara para os visitantes, xa que, aproveitando un saque de esquina, puxéronse por diante no luminoso cando apenas pasaran dous minutos de xogo. Mon colgouna dende a esquina e Fontán, só de marca, cruzouna de cabeza ao segundo pau.

Tralo tanto inicial, o Compos fíxose dono do encontro, acumulando a posesión e as ocasións do primeiro acto. Primeiro tentouno Baleato, rematando de cabeza un córner. Despois Salado, cun disparo duro que despexou Álex Cobo. E, por último, Pablo Durán, quen gañou o balón na área aos centrais, pero o seu disparo coa zurda marchouse desviado.

Á volta dos vestiarios, a tónica seguiu sendo a mesma, un Compos dominador que buscaba con afán o gol, ante un Arousa repregado e que tentaba buscar as transicións.

Con este panorama, e tralos cambios, as ocasións branquiazuis comezaron a ser máis perigosas. Tívoa de novo Pablo Durán, tras controlar na área un fantástico centro de Parapar, pero o seu disparo duro golpeou nun defensa e foise a córner. Tamén o probou Josiño, cun lanzamento dende a frontal que sacou con apuros Álex Cobo, e mesmo Guille Torres, cun remate de cabeza á saída dun córner que pasou rozando o pau.

Por iso, de tanto insistir, acabou chegando o ansiado gol no minuto 80. A acción comezou nun atrevido Pablo Durán, quen entrando desde a dereita realizou un disparo duro á portería que o porteiro non puido blocar, así, o balón quedou solto na área pequena, por onde apareceu Roque para meter a cabeza e marcar a pracer.

Deste xeito, terminou un novo amigable de preparación, no que os nosos mostraron a súa mellor cara. Aproxímase o comezo de liga e os branquiazuis queren chegar preparados ao primeiro partido. Para iso, esta semana haberá máis encontros, comezando o mércores ante o Fabril.

FICHA TÉCNICA:

SD COMPOSTELA: Borja Rey; Saro (Parapar, m.58), R. Baleato (Guille Torres, m.46), Álvaro Casas (Joel, m.58), Jimmy (Roque, m.46); Samu (Pablo Antas, m.58), Fer Beltrán (Jordan, m.58), Josiño (Alfonso, m.81); Rafa Mella (Primo, m.58), Salado e Pablo Durán.

AROSA SC: Álex Cobo; J. Fontán, Pedro García, Campillo (Miguel, m.81) , Cotilla (Álvaro Denis, m.81); Porrúa (Fajardo, m.72), Mon (Ross, m.67), Diego Diz, Julio Rey (Róber, m.67); Nuño (Álex, m.81) e Luismi (Beda, m.67).

GOLES: 0-1: J. Fontán, min.2; 1-1: Roque, min.80.

ÁRBITRO: Figueirido Comesaña (Vigo). Amoestou a Jimmy e Primo, polo Compos; e a Pedro García, polo Arousa.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Amigable disputado ante 300 espectadores, aproximadamente.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado