Empate a cero nun Espiñedo impracticable

Samu, na mellor acción da segunda metade. Foto: Amadeo Rey.

Samu, na mellor acción da segunda metade. Foto: Amadeo Rey.

  • O Compos non foi capaz de superar a Rui nun campo moi levantado pola choiva

Santiago de Compostela, a 25 de Novembro de 2018.

A SD Compostela sumou un novo punto no Espiñedo. O terreo de xogo tan levantado complicou o xogo dun Compos que non foi capaz de materializar as súas ocasións. Ao final, repartición de puntos para seguir na zona de playoff e sumar unha nova xornada sen perder.

A familia branquiazul regresou ao Espiñedo coa idea de repetir a experiencia do ano pasado. O carácter emotivo que rodeaba este partido provocou que a afección santiaguesa se desprazase en masa ata O Carballiño. Esta vez, nunha tarde invernal, o terreo de xogo non lucía a mellor cara, contrastando así coa imaxe que se vía na bancada, chea cos máis de oitocentos seguidores de ambos clubs.

Este céspede tan levantado complicaba o estilo dun Compos que, aos poucos, foise apropiando do partido. Cada vez que o balón raseaba, os nosos chegaban a campo contrario, malia que para iso debía superar a maraña de pernas do cadro local.

Aythami, moi activo durante os primeiros 45 minutos, probou primeiro sorte desde o centro do campo, pero o bote do balón complicoulle o chut e foille ás mans de Rui. Esta mesma circunstancia provocou que, uns minutos máis tarde, non puidese completar un contraataque no que quedaba no man a man.

Se tivo esa fortuna Brais Abelenda, entrando en velocidade desde a banda izqueirda, pero nesta ocasión o porteiro portugués sacou unha gran man abaixo, acción que completou a defensa para evitar a mellor ocasión desta primeira parte.

Á volta dos vestiarios, Brais Abelenda vería como, de novo, o bote do esférico impedíalle chegar ante Rui, cando recibira en velocidade ao espazo. Do mesmo xeito, na área contraria, a Rober escapóuselle o control nun centro desde a banda que acabou nas mans de Anxo.

Despois duns momentos de impas, o Compos volveu á acometida aos vinte minutos, con dous contraataques nos que chegou con claridade. Primeiro, conduciu polo centro Brais Abelenda e abriuna para un Samu que, lanzándose polo chan, enviou o esférico por encima do traveseiro. Un máis tarde, nunha falta lanzada con rapidez, Brais volveu recibir ao espazo, regateou ao meta pero o seu disparo, algo escorado, sacouno Portela baixo a liña.

Con todo, non aproveitou os seus mellores minutos o Compos e, co paso dos minutos, cun campo cada vez máis pesado, xa non puido desequilibrar a balanza. Con balóns colgados tentárono ambos contendentes, a máis clara tívoa Álex Ares cunha volea desde a frontal que marchou rozando o pau. Ademáis, no desconto, o árbitro sacoulle a vermella directa a Pol, por unha entrada desmedida sobre Ube no desconto.

Por tanto, sen fortuna nas áreas, o partido pechouse co resultado inicial de cero a cero. Un novo punto, nun campo que hoxe estaba impracticable, para seguir sumando semanas sen perder e manterse na zona de playoff. Agora, toca pensar no regreso ao Vero Boquete de San Lázaro, onde nos espera o Laracha.

FICHA TÉCNICA:

0- CD Arenteiro: Rui; Pol, Maxi, Portela, Ross, Fajardo; Cassio, Adil (Albertito, m.54), Hugo Sanmartín; Rober (Carlos de Deus, m.61) e Mitogo (Bardelás, m.89).

0- SD Compostela: Anxo Pérez; Saro, Piscu, David Uña, Naveira; Álvaro Casas, Samu; Álex Ares (Santi, m.89), Mon (Ube, m.80), Brais Abelenda; e Aythami (Miky, m.73).

Árbitro: García Gómez, colexio coruñés. Expulsou a Pol (m.92) por vermella directa. Ademais, amoestou a Adil, Fajardo e Rui, polos locais; e a Saro, David Uña e Mon, polos visitantes.

Incidencias: Partido da décimo cuarta xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Campo Municipal Ou Espiñedo ante 850 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado