Empate 1-1 ante o Fabril no primeiro amigable entre ambos

Once da SD Compostela en Abegondo.

  • Pablo Antas, dende o punto de penalti, puxo a igualada no marcador mediada a segunda metade

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2021

A SD Compostela empatou 1-1 ante o RC Deportivo Fabril no primeiro amigable entre ambos, disputado na Cidade Deportiva de Abegondo. Nun encontro para seguir collendo rodaxe e sensacións para a liga, os compostelanistas volveron ver porta, mercé ao gol de Pablo Antas dende o punto de penalti.

O encontro en terras coruñesas comezou con moito ritmo e unha presión moi adiantada de ambos conxuntos. Polo bando compostelanista destacou a figura de Parapar, quen tivo a máis clara nunha acción na que se foi do lateral, pero atopouse cunha gran intervención de Brais.

Con todo, o gol chegaría para os locais, no 36, tras un roubo de Davo na saída de balón branquiazul. O dianteiro fabrilista realizou unha gran condución e definiu ante Pato para adiantar aos deportivistas no marcador.

Á volta dos vestiarios, o Compos mellorou e levou a voz cantante, acumulando ocasións en área rival, aínda que lle faltou acerto nos últimos metros. Así, o gol acabaría chegando dende os once metros, no 66, despois dunha derriba de Juan Rodríguez sobre Jimmy. Pablo Antas tomou a responsabilidade e selou o tanto da igualada.

Ata o final, con moitas variacións nos onces, ambos equipos puideron mover o marcador, pero ningún puido marcar. Precisamente, neses cambios, por parte compostelanista entraron, entre outros, Álex Martínez e Joseph, dous futbolistas do filial que se estrearon coa camiseta branquiazul.

FICHA TÉCNICA

RC DEPORTIVO FABRIL: Brais; Guerrero, Barcia, Juan Rodríguez, Berrocal; Brais Val, Fabio; Víctor, Nájera, Padín; e Davo. Tamén xogaron: Sanmartín, Barba, Mario, Cambón, David e Raúl.

SD COMPOSTELA: Pato; Saro, Baleato, Guille Torres, Jimmy; Pablo Antas; Parapar, Fer Beltrán, Josiño, Salado; e Primo. Tamén xogaron: Borja Rey, Álvaro Casas, Samu, Rafa Mella, Roque, Yago, Álex Martínez e Joseph.

GOLES: 1-0: Davo, min.36; 1-1: Pablo Antas (p.), min.66.

 

Foto Principal: RC Deportivo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado