“É unha aprendizaxe e unha oportunidade compartir estes momentos con este grupo de xogadores”

Iker Caballero, con Pato, durante un adestramento de preparación do playoff exprés.
  • Iker Caballero, do Xuvenil, séntese un afortunado preparando o playoff exprés co primeiro equipo

Santiago de Compostela, a 3 de Xullo de 2020.

Despois dunha tempada de moita aprendizaxe, a súa primeira como xuvenil, Iker Caballero recibiu a oportunidade de prestar os seus servizos ao equipo na súa preparación do playoff exprés. O canteirán branquiazul, que se sente un afortunado, veo como unha aprendizaxe o feito de compartir estes momentos cos maiores. Por iso, tenta aprender o máximo dos seus compañeiros e que poida axudarlle en futuras campañas no club.

En primeiro lugar, como te sentes coa oportunidade de preparar o playoff exprés?

Síntome moi afortunado de poder participar co primeiro equipo durante esta fase tan importante da tempada para o club.

Que significa para ti estar presente nesta fase tan decisiva?

Para min significa que depositaron confianza en min para poder axudarlles. Persoalmente, é unha aprendizaxe e unha oportunidade compartir estes momentos con este grupo de xogadores.

Que se che pide nos adestramentos?

No meu caso, trala chamada de Víctor Pazos, o coordinador da base do club, pídeseme que traballe, me esforce e, sobre todo, que goce desta experiencia.

Cres que esta experiencia che axudará o próximo ano?

Si, claro. Creo que preparar un playoff de ascenso como este é unha experiencia que non se vive todos os días e axudarame a mellorar, tanto física como mentalmente.

E Pablo Castro, que ensinos vos da aos porteiros máis novos?

Pablo Castro, para min, é un dos mellores adestradores de porteiros que tiven. A min, persoalmente, sobre todo, pídeme que bloque todos os balóns que poida, que se fallo adestrando non pasa nada. Para aprender, tamén hai que cometer erros.

Que destacas de Pato e que tentas aprender del?

Del destaco a súa gran axilidade baixo paus, é algo no que me fixo sempre nos adestramentos, ademais da súa colocación. Tento aprender o máximo posible del. Aparte, como persoa, é alguén que transmite moi bo ambiente ao vestiario.

Soñas cun posible debut co primeiro equipo?

Claro que si, creo que todos os xogadores da base do club soñan con debutar nalgún momento co primeiro equipo. Ese é o obxectivo de moitos deles.

A nivel persoal, como levaches esta primeira tempada de Xuvenil, despois de ascender co Cadete A na anterior?

A primeira tempada de xuvenil non foi tan boa como a pasada co cadete, pero definiría a tempada como un proceso de aprendizaxe para futuras campañas.

Seguirás o próximo ano no club? Cal é o teu obxectivo?

Si, a tempada que vén o meu obxectivo persoal será tentar xogar os máximos minutos posibles co Xuvenil de Nacional e agardo mellorar moito. Colectivamente, creo que todos os que formemos parte do xuvenil imos querer terminar o máis arriba posible na táboa e, por que non, loitar por un posible ascenso, tomando exemplo do Cadete A, que conseguiu dous consecutivos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado