Césareo Seoane: “É un orgullo que Jimmy e Saro formen parte do equipo no que sempre quixeron estar”

Santiago de Compostela, a 7 de Maio de 2021.

O derradeiro partido desta tempada está patrocinado por un dos clásicos: Talleres Cecastar. O pai de Jimmy e Saro leva case unha década como patrocinador coa satisfacción de axudar ao seu equipo e, agora, o orgullo de que os seus fillos formen parte del.

Cal é a súa actividade?

Somos unha empresa dedicada á reparación e mantemento de vehículos, facemos reparacións de mecánica, electricidade, chapa e pintura… dende o ano 2012.

Dende cando patrocinan ao equipo?

Levamos xa case 10 anos patrocinando ao equipo.

Que lles levou a facelo?

O que máis nos impulsou a facelo foi a satisfacción de poder axudar ao equipo da nosa cidade e do que somos seguidores. Apórtanos máis visibilidade na cidade, xa que o Compos é un equipo que ten moitos seguidores.

Que supón o ascenso de categoría para o seu patrocinio?

Para o patrocinio, xa que somos unha empresa máis para a zona de Santiago, non ten unha importancia especial, pero si a ten como afeccionado e como pai de dous xogadores [Jimmy e Saro], xa que é unha categoría moito máis atractiva e que se desfruta moito máis.

Cal é a súa relación co deporte en xeral e a SD Compostela en particular?

Sempre fun unha persoa de deporte e en especial do fútbol, sobre todo do Compos, do cal teño numeroso recordos, de ir a velo en Santa Isabel ata chegar a Primeira División e acabar formando unha directiva nos tempos non tan bos, con outros pais de xogadores, para que o club non desaparecera e poder saír a competir en Preferente.

Que significa para vós que Jimmy e Saro formen parte do equipo?

Como pai, para nós é un orgullo que estean os dous a formar parte do equipo da nosa cidade, do que sempre fomos seguidores e no que eles sempre quixeron estar.

Un desexo para este ano.

Este ano… pois pedir que todo volva a ser como antes, o máis pronto posible, e volver a ver ese ambiente de fútbol que se estaba a vivir nos últimos anos no Estadio.

Alberto Seoane e Cesáreo Seoane, irmán e pai de Saro e Jimmy, nas instalacións do Taller, no Polígono do Tambre.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado