Duelo doutra época para recuperar sensacións

  • A SD Compostela buscará reencontrarse co gol e lograr o primeiro triunfo do ano

Santiago de Compostela, a 23 de Xaneiro de 2021.

A SD Compostela e o Deportivo da Coruña xogarán mañá un duelo doutra época. Será un derbi con recordo a aqueles anos na Primeira División, pero agora as circunstancias son outras. Os compostelanistas viaxan a Riazor co obxectivo de recuperar sensacións trala derrota entre semana en Salamanca. A idea pasa por ser o Compostela que acapara o control do xogo e reencontrarse co gol, claves para poder levar o triunfo do feudo herculino.

Baixas. A única baixa é a de Primo, confirmada, o resto están todos dispoñibles. Álvaro Casas está a adestrar, leva desde o 17 de decembro parado e aínda ten que rodar, pero está para xogar, se queremos contar con el.

Xestión da derrota. Estamos amolados, pero levámola con total normalidade. Isto é fútbol, cando pasan as semanas e non perdes, esta está máis próxima. Pensamos que foi unha derrota demasiado avultada para o visto no terreo de xogo, pero é o que nos toca. Nós analizámolo como que empezamos esta andaina na xornada 1, en Salamanca, con derrota e este mércores sería o primeiro da segunda e tamén o empezamos así. Quedan oito partidos por diante, ese partido xa pasou e estamos 100% concentrados no que nos vén. O equipo está ilusionado, contando as horas para que chegue o partido especial do domingo e controlando un pouco a carga, porque para nós é unha semana de tres partidos e chegamos con menos tempo que o Deportivo. Pero o domingo, en canto pite o árbitro, o equipo estará ao 100%.

Unha derrota para crecer. Analizamos de maneira moi minuciosa o rendemento do equipo, tanto a nivel estatístico como cualitativo. Foi o peor partido da tempada, pero tamén contando o ano pasado, polo que creo que o balance é moi alto. De 38 partidos, ter un malo, creo que é unha bagaxe moi positiva. E se analizas as estatísticas do partido, podémonos quedar que neses encontros con máis duelos individuais, foi no que máis duelos perdemos e que peor estivemos, e iso dálle vantaxe ao rival que ten maior acerto neses lances. Sabemos o que somos, cales son os nosos puntos fortes e a partir de aí seguir crecendo. Todo depende do punto vista que queiras ter. Para nós é unha derrota que nos fará crecer, estou convencido.

O novo Deportivo. Leva dúas semanas implantando unha idea nova e hai moitas similitudes ao que é o Compostela en canto á idea de xogo. A palabra para definilo pode ser a mobilidade. É un equipo que seguro que nas próximas semanas irá a máis e se converterá en moi dinámico. Sabemos que están en construción desa idea, pero non en canto ao grupo. Hai adestrador novo, con ideas puntuais, sobre todo con balón, pero o equipo é continuísta, con xogadores que se coñecen ben, e xa sabemos dabondo o potencial do Deportivo.

Seguir crecendo. Todo o que sexa gañar nesta categoría e sacar rédito do que facemos é un punto de confianza. Levamos moito tempo, cremos, facendo as cousas ben, aínda que non o vemos traducido na clasificación. Iso, nalgún momento, podería minguar a confianza do equipo, pero é todo o contrario. Estamos a desexar facer un bo partido para seguir crecendo. Seguir crecendo a nivel individual e colectivo, e iso que nos leve cada vez a estar máis preto de gañar o partido.

Variantes á ausencia de Primo. Os nomes teñen que cambiar, porque cando non tes un xogador buscas variantes, pero si que será unha peza por outra, aínda que igual se cambia algunha peza máis buscando certos comportamentos a nivel colectivo, para seguir impoñendo a nosa idea nun campo como Riazor, que non será nada fácil.

Alternativa en ataque. O recambio de Primo temos claro cal é, aínda que estamos a traballar outras opcións, estamos todos de acordo. Non vou descubrir nada novo, pero si que buscaremos algunha cousiña á beira desa xente para tentar levar a cabo o noso plan de partido que é, como sempre, ser dono e señor do balón, pero con certos matices en función do rival.

Destitución de Fernando Vázquez. Non me agardaba a destitución de Fernando Vázquez. Sabemos as esixencias do Deportivo, que ao non estar nunha categoría profesional váiselle a esixir gañar todo e con contundencia. Pero si é certo que o equipo, a estas alturas, estaba dentro do grupo de cabeza da clasificación, e con marxe de mellora, porque non é fácil adaptarse ás novas categorías.

Rubén de la Barrera. As novas  ornadas de adestradores creo que estamos a vir máis forte, cada vez hai máis formación, iso fai que os técnicos teñamos máis recursos e veñamos mellor formados, aínda que a experiencia, evidentemente, é un grao. Aínda nos queda moito que picar para chegar a todos os recursos que un adestrador de altísimo nivel ten que manexar. En todo caso, creo que o traballo dá os seus froitos, e se queres ver a mocidade de Rubén de la Barrera como falta de experiencia, súpleo con traballo, ilusión e idea de xogo. Por iso, no momento que sexan capaces de introducir as súas ideas no club, cos xogadores que teñen e a contorna profesional, creo que alcanzarán un nivel moi alto.

Claves do derbi. As claves estarán no que máis acertado estea, o que menos erros cometa ou o que máis xere erros no equipo rival. Estou de acordo coas declaracións de Rubén, creo que será un partido bonito, creo que o afeccionado de ambos clubs, así como calquera amante do fútbol, verá un bo encontro e cunha proposta bonita. A partir de aí, tentaremos facer todo o posible para que esa idea que eles están a tentar canalizar tarde unha semaniña máis e tentar, na medida do posible, que a nosa idea saia adiante.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado