Duelo de altura en San Lázaro

  • O fortín branquiazul medirá o domingo ao primeiro e segundo clasificados, ambos invictos ata a data

Santiago de Compostela, a 28 de Setembro de 2018.

SD Compostela e Bergantiños FC volven verse as caras en San Lázaro. Ambos conxuntos, campión e subcampión a tempada pasada, chegan na mesma posición clasificatoria á sexta xornada de liga, logo dun comezo inmaculado no que suman 15 e 13 puntos, respectivamente. Por tanto, o fortín branquiazul vivirá un duelo ao grande entre dous proxectos que manteñen a súa base, con Yago Iglesias e Miguel Filgueira á fronte deles.

Precisamente, este último é un aspecto que destaca o técnico branquiazul para explicar a traxectoria de ambos. “É un equipo que segue a mesma filosofía que nós, a da liña continuísta e aí están os resultados. Somos moi parellos niso e así sumamos a cantidade de puntos que temos e coa solvencia mostrada, sendo dous rivais de entidade na categoría”, destacou Yago Iglesias en rolda de prensa.

Por esta razón, o adestrador ribeirense prevé un partido moi parello no que vencerá o equipo que cometa menos erros. “Coñecémonos moi ben polo que temos que buscar solucións para contrarrestar os puntos fortes do outro, malia que nestes casos de tanta igualdade sobre o céspede, os pequenos detalles marcan a diferenza”, valorou o adestrador.

De feito, o curso pasado, os dous duelos decidíronse en senllas xogadas a balón parado, un dos puntos destacados, segundo Yago, dos carballeses. “Teñen a capacidade para ser tanto fortes defensivamente e contragolpear, como para ter a pelota. Creo que virán xogar de ti a ti, aproveitando as dimensións do campo, pero ese tamén é o noso punto forte”, ao que engadiu que teñen que evitar que lles fagan dano nas xogadas a balón parado e nas transicións rápidas.

Estas variantes veñen potenciadas por unhas fichaxes, “contrastadas na categoría e mesmo algunha superior”, entre un club candidato a gañar a liga polo seu potencial futbolístico e económico. “O ano pasado xa tiñan a un xogador como Rivera, que che asegura moitos goles, ao que sumaron a velocidade Cano, a Ekedi, un xogador que dará moito que falar, a Diego, no medio, e atrás pecharon a liña defensiva con Marcos, Agulló e Caridad”, analizou.

Con todo, a pesar da entidade do rival, Yago e o corpo técnico teñen claro que “se xa sempre imos a polos tres puntos, xogando en San Lázaro, dou por favorito ao meu equipo”, aclarou.

O aceno de identidade do proxecto está marcada en cada xogador, polo que o plan de xogo está claro. “Somos fieis á nosa idea e xogando na casa, temos que tentar ser protagonistas co balón”, admitiu. Así, cada tempada, o corpo técnico santiagués busca alternativas para ter novas armas e lograr o obxectivo de seguir crecendo.

Con todos os xogadores á súa disposición, agás Rubén e Alberto, o Compos buscará unha nova vitoria que pasa por “ser valentes, ter personalidade e querer gañar o partido desde o minuto 1”. O apoio de San Lázaro, o noso fortín, será vital para saír vencedores deste duelo ao grande.

Celebración Gol Paiosaco

Compartir en Redes Sociales

Relacionado