Dous triunfos vitais para pechar a primeira fase

  • O Zona Vella superou ao Trazo e meteuse na liguiña de ascenso e o Cadete A ao Pontevedra para sumar puntos valiosos

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

Esta pasada fin de semana disputouse a última xornada da primeira fase para tres dos catro principais equipos de fútbol-11 da base da SD Compostela. Esta última cita, á que os conxuntos chegaban con obxectivos diferentes, saldouse con dous triunfos vitais e un empate. Ademais, chegou a primeira derrota na casa dos xuvenís.

Xuvenil A

Non puido manter a súa impresionante xeira de resultados como local o Xuvenil A. Na xornada 25, coa visita do líder intratable, o RC Celta, o Compos xa non puido prolongar o idilio que mantiña dende o arranque da campaña. Os nosos conseguiron meritorios empates, e merecendo mesmo máis, contra rivais da talla do Racing de Santander, Oviedo ou Sporting de Gijón, entre outros, pero esta vez non foi posible.

O conxunto celeste mostrou todo o seu potencial en Santa Isabel, levándose os puntos cun contundente 1-10. O tanto compostelanista da honra marcouno o capitán, Xoel Caamaño.

En todo caso, esta derrota non embaza o grandísimo rendemento do plantel adestrado por Rati, que está a un paso de certificar a permanencia no seu primeiro ano na máxima categoría. Con esta misión, medirase na matinal do domingo ao Val Miñor.

Sigüeiro FC

O filial compostelanista, coa segunda posición certificada nesta primeira fase, pechou o Subgrupo cun empate 1-1 contra o O Pino no Lino Balado. Mostrando unha vez máis o seu gran nivel, os nosos levaron boas sensacións para o inicio da liga polo ascenso, na que se medirán aos rivais do Subgrupo 1B. A esta loita, o Sigüeiro pasa con 4 puntos, a dous das dúas prazas que marcan o salto de categoría.

SD Compostela B

Necesitaba dúas vitorias nas dúas últimas xornadas para poder pelexar polo ascenso e o Zona Vella conseguiuno. O Compos B superou este domingo ao Trazo, rival directo polo mesmo obxectivo, por 2-0, sumando tres puntos valiosísimos para pelexar pola Primeira Galicia.

Na última cita da primeira fase, nas Cancelas, o conxunto branquiazul levou a vitoria cos goles de Hugo Suárez, pichichi do Xuvenil A, e de Álvaro Brito. Así, pasa como terceiro á seguinte rolda.

Cadete A

Por último, o Cadete A tamén logrou o seu obxectivo na última xornada de liga, xa que superou por 1-3 ao Pontevedra, superando ao conxunto granate na táboa. Deste xeito, os xogadores adestrados por Borja Collar pecharon o subgrupo no antepenúltimo posto, sumando algún punto máis para a segunda rolda, na que pelexarán por certificar a salvación na División de Honra.

No partido disputado na cidade do Lérez, o triunfo cimentouse nunha gran segunda metade, na que o Compos logrou a remontada. Dani Noya igualou no 49, Marcos Baluja puxo en vantaxe aos santiagueses no 64 e, de novo Dani, certificou a vitoria no 79.

Ademais, o resto da xornada para os equipos de Fútbol-11 da base da SD Compostela deixou os seguintes resultados e así marchan as súas respectivas clasificacións.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado