Dominar o ritmo de xogo para recuperar a senda triunfal

  • Rodri agarda un partido no que equipo e bancada camiñen da man para lograr os tres puntos

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

A SD Compostela regresa este sábado, ás 17.00 horas, ao Vero Boquete para medirse ao Llanera, un duelo no que os nosos queren recuperar sensacións. Co apoio da bancada, o Compos buscará os tres puntos no fortín, nun encontro no que Rodri agarda a unión de equipo e afección.

Na previa do encontro, o adestrador branquiazul destacou a importancia de manter un ritmo alto durante os noventa minutos e facer o que o equipo domina.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. Ao longo do ano, primeiro tivemos moitos problemas de lesións musculares, despois o covid e agora a gripe, con varios futbolistas que tiveron febre esta semana. Ata última hora non saberemos con quen contar, porque houbo xente que non puido adestrar e estamos un pouco pendentes da recuperación e de que estean ao 100 %. En calquera caso, cremos que non deberiamos ter problemas para completar a convocatoria, porque Samu e Roberto esta semana deberían poder entrar co grupo. É un momento no que necesitamos estar todos e o apoio da afección tamén é moi importante, porque nos xogamos moito nestas dez xornadas que quedan.

Plano anímico. O equipo creo que está ben, porque sabe dende o principio o que somos, un bo equipo desta categoría, pero como moitos outros. Botando a vista atrás, imos na xornada vinte e cinco, levamos moitas en playoff e darémolo todo, coa mesma humildade e gañas que me demostraron, para nestas dez que quedan non baixar de aí.

O Llanera. Eles pásalles como a nós, que na casa temos un escenario e fóra atopámonos con outro, ao que nos está custando adaptarnos, sobre todo nestas últimas xornadas, e a eles pasaralles igual. Están afeitos a un campo extremadamente pequeno, de herba artificial e virán a un campo grande. Entendo que virán cometer os mínimos erros posibles e aproveitar as características da xente de arriba. Na casa temos que seguir sendo fortes, facer o que facemos ben e durante os noventa minutos seguir a un ritmo moi alto para conseguir os tres puntos.

Dominio da pelota. Aí atrás cometemos erros en inicio, pero estas semanas estamos a emendalos. Na casa temos que tentar ter a pelota, movela rápido, levala a zonas onde cremos que somos bos xerando superioridades e estar moi pendentes das vixilancias, para en caso de perda, recuperala ou polo menos que non che collan nunha transición. É o que levamos adestrando moito tempo, creo que o equipo o fai ben e oxalá teñamos a dose de fortuna que nos está faltando estas semanas, para das ocasións que teñamos, algunhas moi claras, poder materializalas, sobre todo para que o equipo contrario teña que expoñer un pouco máis.

As condicións meteorolóxicas. O vento é complicado, pero entendo que o campo está ben, porque así o vin todas estas xornadas. A auga mesmo nos vai a favorecer, porque nos gusta que o campo estea rápido e o que dicía, o que me preocupa é que deamos o noso nivel, que durante os noventa minutos deamos un ritmo moi alto, que o equipo non decaia e siga crendo. Se somos quen de facer todo iso, estaremos moitísimo máis preto de conseguir a vitoria.

Apoio da afección. Veñen dez xornadas finais, cada punto custounos moito traballo e é o momento de estar todos xuntos unidos, pelexando por un ben común: que o equipo sexa quen de clasificarse para o playoff. Dende aquí pido o apoio da xente, porque os xogadores darán todo o que teñen e é moi importante, porque así o notamos, sentir o alento da nosa xente para cando estás canso dar un pouco máis, facer ese último esforzo, ir a esa disputa, para xutar a gol. En definitiva, oxalá nos unamos todos para conseguir unha boa vitoria.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado