Directiva e peñas celebran unha reunión produtiva que serviu para aclarar dúbidas

  • Seguiuse avanzando nas ideas presentadas dende a primeira reunión
  • Os peñistas cuestionaron ao presidente sobre a situación actual do club

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022

Este pasado mércores, a Xunta Directiva da SD Compostela reuniuse por segunda vez coas peñas do club co obxectivo de seguir avanzando na construción de propostas, que axuden a aumentar o número de abonados e incrementar a asistencia de público ao Estadio Verónica Boquete de San Lázaro.

Neste senso, neste segundo encontro, programado con anterioridade, avanzouse nos termos comentados a través da canle de contacto entre peñistas e directiva. Especialmente, tratouse o reto de chegar aos mozos estudantes, así como posibilidades para as viaxes aos partidos que se xoguen fóra da casa.

Respecto a esta última cuestión, crearase un calendario que permita organizar con tempo os desprazamentos, en base aos intereses da afección. Do mesmo xeito, a través de Fonte Sequelo, ofertaranse aquelas prazas que queden libres no seu autobús, a un prezo que roldará entre os quince e os vinte euros.

No relativo á asistencia ao Estadio, realizaranse visitas aos colexios, como a desta semana, para incentivar a presenza dos máis cativos. A maiores, intentaranse crear promocións puntuais para rebaixar o prezo das entradas, así como a posibilidade de dar invitacións aos abonados. Por outra banda, acordouse a intención de axudar aos abonados sen recursos a través das peñas, así como a posibilidade de conseguir novos patrocinios a través delas, outorgando entradas ou abonos a cambio do traballo aportado.

Por último, entre outros temas, considerouse a posibilidade da creación dun rexistro de peñas cos seus compoñentes, un apartado seareiro na nova páxina web, a realización de actividades culturais e de dinamización previas aos encontros coma locais, así como o fomento do club nos barrios da cidade, aportando maior visibilidade.

Tendo claras as preocupacións e os obxectivos, ambas partes, peñas e directiva, seguirán traballando para avanzar nas diferentes cuestións antes da seguinte reunión.

No encontro estiveron representados todas as peñas do club, excepto unha, que non puido acudir por motivos persoais. Foi o directivo encargado das relacións cos abonados, Lois Rosende, quen tratou todos os temas cos peñistas. Cabe resaltar que as sete agrupacións de afeccionados son: Fonte Sequelo, Fende Testas, Bancada Picheleira, Irmandade Picheleira, Gato Félix (unión de Os Dous, Lingua Azul, Bótalle Outra e Frente Gaias), Curva Branquiazul e Os Precedo.

 

PREGUNTAS E ACLARACIÓNS. Dada as informacións publicadas nos últimos días e co obxectivo de achegar o club ao afeccionado, nesta segunda reunión estiveron presentes o presidente da SD Compostela, Juan Carlos Rodríguez Gesto, e o vicepresidente e portavoz da directiva, Javier García Vázquez. Ambos encargáronse de resolver todas as dúbidas cuestionadas e aclarar o futuro do club.

A maior preocupación dos afeccionados estaba relacionada co uso da marca e do escudo, así como a posible débeda que ten o club co anterior presidente.

Sobre este tema, explicouse que hai un burofax no que se pide que se deixen de empregar estes valores institucionais do club, polo que o club está estudando a súa defensa, dado que considera que esta demanda carece de sentido, xa que, como non podía ser doutra maneira, o seu uso pertence ao propio club.

Pola súa banda, respecto á posible débeda, informouse que na contabilidade do club non aparece recollido ningún compromiso económico sen cumprir.

A maiores, a raíz das preguntas, informouse dos avances para a entrada dun novo grupo de socios con capacidade económica e de xestión, que teñen por obxectivo devolver ao club a categorías profesionais. Existe unha solicitude de entrada que se tratará na próxima Asemblea Xeral, programada a finais deste mes de decembro.

Do mesmo xeito, citar que por parte da directiva tamén estivo presente o directivo encargado das relacións institucionais, Ramón Castro.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado