Despedir a tempada no fortín cunha vitoria

  • A SD Compostela quere pechar o ano diante do seu público cos tres puntos

Santiago de Compostela, a 1 de Maio de 2021.

O plantel da SD Compostela teno claro, este domingo toca despedirse, tras unha gran tempada, da afección no fortín e quéreno facer da mellor maneira, cos tres puntos. Os nosos mediranse ao Marino nun duelo no que aínda que non haberá nada en xogo en termos clasificatorios, si o haberá no emocional, por iso é polo que os branquiazuis non pensan noutra cousa que en brindarlle o triunfo á súa xente.

Baixas. As baixas son as de Juampa, Hugo e Josiño. Joel xa está adestrando, pero aínda lle queda un pouquiño.

Despedirse da mellor maneira. A motivación é a de todo o ano. Non temos un aliciente cuantitativo, que nos dea opción a loitar por una cousa ou outra, pero a motivación vai máis cara ao ámbito emocional. É o último partido no Vero Boquete de San Lázaro e vainos permitir despedirnos da nosa afección. Despois do que levamos feito, ao final de tempada, os encontros sempre tenden a ter un baixón no ritmo de xogo, pero nós queremos brindarlle un moi bo partido a nosa xente e despedirnos da mellor maneira, pensando tamén no próximo curso.

Manter o nivel ata o último día. Vamos a xestionar estes partidos e minutos con todo o plantel, pero tamén somos da opinión que hai que ir a gañar, porque queremos quedar o máis arriba posible e queremos que o equipo manteña o máximo nivel ata o último día. Se nos imos a despedir da nosa xente, facelo de boa maneira. Esta fin de semana optaremos por facer todos os cambios, pero polo motivo da despedida e de darlle ese cariño da xente a certos futbolistas, non por regalar minutos.

Acabar ben o ano e logo xa se verá. Lévoo dicindo moito tempo, cada vez está máis próximo o meu último partido como adestrador do Compostela. Lévoo dicindo moito tempo, pero aquí sigo. Polo tanto, pode ser o último encontro na casa ou o primeiro de moitos máis. O club e eu temos unha relación moi boa e sempre agardamos ata final de ano para facer valoración da campaña e saber cales serán as liñas de cara á tempada seguinte, tendo claro que queremos mellorar ano tras ano. Poñeremos todo na mesa, valoraremos e decidiremos se seguimos un ano máis. Son da mentalidade de pensar no curto prazo, cada ano ensíname que hai que centrarse no próximo adestramento ou no próximo partido, en definitiva, na semana. Por iso, hai que agardar para decidir, a día de hoxe non lle dou máis importancia. O que máis me importa é facer un bo partido contra o Marino, despedir ben á xente e acabar ben o ano, e despois xa nos sentaremos a valorar.

O Marino. Díxeno hai un mes, cando fomos alá, o Marino é un equipo que ten un sistema moi característico, que non vimos o resto do ano, un 5-3-2 no que aglomera moita xente na parcela defensiva. Logo, ten tres xogadores no centro do campo como Morán, Lora e Matador, con recorrido en Segunda e con moita calidade. Por iso, naquel momento poñíaos no top5 de equipos que máis me sorprenderan positivamente en canto ao seu fútbol.

Exemplo da primeira volta. Fomos alá, fixemos un moi bo partido, puidemos gañar, pero non tivemos a fortuna de facer gol. Agora, agardo un equipo que vén na mesma dinámica ca nós, un conxunto que vai a ter baixas, porque ten algún sancionado e a outros lesionados, polo que farán algunhas rotacións, pero un equipo moi duro, que fai as cousas ben e que vén de empatar contra o Deportivo na súa casa.

Aprender dos erros. En Soria hai un penalti a Miki moi claro e dous minutos máis tarde unha man, que no directo non a apreciamos, pero na que o xogador a quita baixo paus. Os penaltis, a verdade, é que nos están condenando nas últimas xornadas, porque son esas accións que dependen da percepción e da sorte que ten este deporte, e non nos acompañaron. Facendo análise do partido anterior, a nivel de xogo estivemos moito mellor que o día do Deportivo. En Riazor, tivemos unha posesión dun 55% e dous tiros entre os tres paus, con dous goles, mentres que nos Pajaritos a posesión nosa foi dun 67%, con sete tiros, tres deles entre os tres paus, pero o Numancia tivo dúas na primeira parte e ambas as marcaron. O que nos indica é que isto vai de acerto e de ser máis contundente que o equipo rival. Non hai que darlle maior importancia a esas accións puntuais, senón seguir traballando e aprender dos erros, para que se poidan mellorar para o ano que vén e seguir crecendo como club. Ese é o meu punto de vista e creo que todos vemos máis ou menos o mesmo.

Terminar xa en maio. Esta tempada foi unha tempada demo, de probas, na que se foron tomando decisións a medida que xurdían certos escenarios. Non sei se a día de hoxe está claro cando empezarán as ligas do ano que vén, pero si é certo que na nosa fase imos ir de vacacións a principios de maio e os da fase de permanencia ou de playoff a Segunda, quedarán un pouco máis. Por iso, haberá que tentar, na medida do posible, axustar tempos e traballos a facer nese período transitorio.

Orgulloso do que fixo o equipo. Cando empezamos a segunda fase, o Burgos sacáballe 17 puntos ao sexto e en cambio no noso a diferenza era de cinco, estando todo axustadísimo. Agora, ves como se están dando os partidos nos tres subgrupos da segunda fase e está todo moi igualado. Ademais, é complicado xogar nesas condicións de ter que gañar si ou si para conseguir un obxectivo que ao principio non era teu, porque é moi difícil conseguir puntos baixo presión. Isto fai que valoremos máis aínda o que fixemos, como o fixemos e no momento que o fixemos, nunha primeira fase de liga regular. En agosto, ninguén confiaba en que nós estivésemos tranquilos a estas alturas ou hai un mes, todo o mundo pensaba que xogariamos nesa fase de permanencia, pero o que dita é o balón e o verde, por iso síntome máis que orgulloso do que fixemos. A partir de aí, desexarlle toda a sorte para os dous equipos galegos que están aí pelexando, porque esta é, canto menos, a súa categoría, e tamén polo ben do fútbol galego.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado