Despedida no fortín con derrota, tras unha gran tempada

Testarazo de Primo, ante un oponente, na segunda parte. Foto: Amadeo Rey.

  • Un gol de Borja, na primeira parte, decantou o duelo

Santiago de Compostela, a 2 de Maio de 2021.

A SD Compostela foise sen premio na despedida da tempada no fortín, nun encontro no que a pesar de dominar dende o inicio, decidiu o solitario tanto de Borja, no primeiro acto. Foi o último duelo no Vero Boquete, despois dun gran ano, no que os nosos demostraron un gran nivel na nova categoría.

No Día da Nai, a SD Compostela despedíase do seu público tras unha gran tempada medíndose ao Club Marino de Luanco, un encontro no que aínda que ningún dos dous se xogaba nada a nivel clasificatorio, si que había un gran aliciente no plano emotivo, posto que os nosos querían despedir á súa xente cun triunfo, o primeiro do ano con afeccionados nas bancadas do Vero Boquete.

Para iso, co debut de Borja Rey na portería e o regreso ao once inicial de Álvaro Casas, Matías Vesprini e Primo, os branquiazuis saíron a dominar o encontro dende o segundo un. A través da posesión do esférico, buscaron desde o asubío inicial os ocos no entramado defensivo dos visitantes, plantados cun claro 5-3-2.

Froito dese dominio inicial, os primeiros avisos chegaron nas botas de Primo, con dous disparos que sacou Chechu Grana.

Con todo, co paso dos minutos, froito das imprecisións en ataque, os asturianos foron adiantando liñas e acabaron atopando o premio do gol, no 36, na súa primeira chegada con claridade. Tras unha bonita e rápida combinación no centro do campo, Borja atopou o oco para saír en velocidade e aproveitouno para plantarse na man con Borja Rey e definir entre as súas pernas para adiantar aos seus no marcador.

Sen máis aproximacións ata o tempo intermedio, ambos conxuntos marcháronse ao tempo de asueto. Á volta dos vestiarios, o encontro seguiu coa mesma tónica, cos nosos dominando a posesión e cos visitantes ben plantados atrás.

Deste xeito, ante a dificultade de atopar os espazos, a ocasión chegou, no 58, cun disparo axustado dende a frontal de Samu, pero Chechu estirouse para rozala e que se marchase a córner. Oito máis tarde, tras unha pelexa na liña de fondo de Sergio Pereira, o esférico chegou a Primo, este conectouna con Miki Villar, pero o extremo, algo escorado e ante a saída do porteiro, atopouse co corpo de Chechu Grana.

En busca do empate, Yago Iglesias deu entrada a dous canteiráns do xuvenil, Axel Lim e Manu Rivas, que onte lograron o ascenso a División de Honra, e con eles no campo chegou a opción máis clara para os nosos. Tras varios rexeites na área, o esférico quedou para Primo e este buscou un disparo axustado coa zurda, pero o porteiro estirouse para sacar, cunha gran parada, o posible tanto do dianteiro cántabro.

Con iso pechouse o duelo, marchando os puntos para Asturias nesta despedida da tempada no fortín. Tras un gran ano, os nosos recibiron unha merecida ovación dos seus cando se marchaban para os vestiarios. Agora, tocará pechar o curso en Langreo, onde os branquiazuis queren sumar a primeira vitoria desta segunda fase.

FICHA TÉCNICA:

0- SD COMPOSTELA: Borja Rey; Saro (Sergio Pereira, m.59), Álvaro Casas, David Soto, Matías Vesprini; Samu (Roberto Baleato, m.59); Miki Villar (Manu Rivas, m.77), Pablo Antas, Bicho (Axel Lim, m.77), Brais Abelenda (Gabri Palmás, m.59); e Primo.

1- CLUB MARINO DE LUANCO: Chechu Grana; Borja (Guille, m.88), Orviz, Trabanco, Miguel Prado, Borja Rodríguez (Iván, m.63); Luís Morán, Nacho Matador (Prendes, m.88), Lora; Álex Arias (Chiqui, m.72) e Enol (Mendi, m.72).

GOLES: 0-1: Borja, min.36.

Árbitro: Montes García-Navas (Madrid). Amoestou a Álvaro Casas e Sergio Pereira, polo Compos.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da Xornada 5 da Fase Intermedia do Grupo 1-E da Segunda División B disputado ante 700 espectadores, aproximadamente.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado